Pestanas principais

Ames contará nos próximos meses cunha ordenanza que regulará a utilización dos taxímetros

Mércores, 04 de xuño de 2014

[04-06-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, ten elaborada unha ordenanza que regulará o servizo de taxis amiense. Na nova ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo. Esta ordenanza está totalmente adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia. Nos vindeiros meses esta ordenanza será levada ao Pleno para, se procede, ser aprobada pola corporación municipal amiense.

Seguindo a liña de traballo iniciada polo goberno municipal cos diferentes organismos asociativos do concello, o alcalde de Ames, Santiago Amor, mantivo varias xuntanzas coa asociación de taxistas de Ames. Deste xeito, no pasado mes de marzo a nova directiva desta asociación, que está formada por Agustín Núñez, que ocupa o cargo de presidente, Andrés Núñez, vicepresidente, Gustavo Castro, secretario, e Santiago Núñez, tesoureiro, presentoulle ao goberno municipal un estudo das tarifas a aplicar durante este ano polo servizo de taxis de Ames. Un dos temas máis importantes que se abordaron nesa xuntanza celebrada no mes de marzo foi o dos taxímetros, así como as tarifas a aplicar.

A partir dese momento o Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, comezou a traballar na elaboración dunha ordenanza que regulará o servizo de taxis amiense, adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia. Na nova ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo.

A proposta desta ordenanza transmitíuselle e foi posta en común coa asociación de taxistas de Ames. Ademais, dentro do proceso de tramitación da devandita ordenanza, déuselle trámite de audiencia enviándolle unha proposta á Dirección Xeral de Mobilidade, ás tres organizacións sindicais máis representativas dentro do sector do taxi de Ames e á Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Actualmente, esta ordenanza está en fase de audiencia antes da súa tramitación polo Pleno do Concello.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los quince taxistas de Ames quieren equiparar las tarifas del servicio a las de Santiago"
El Correo Gallego: "Ames contará cunha ordenanza que regulará a utilización dos taxímetros"