Pestanas principais

Ames contará este verán con dous novos vehículos para a Policía Local

Luns, 23 de xuño de 2014

[23-06-2014] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar a adxudicación do servizo de subministración de dous vehículos equipados con kit policial que teñen como destino a Policía Local. A empresa Compostela Motor será a encargada de dotar á Policía Local de Ames con dous novos vehículos da marca SEAT ALTEA co obxectivo de renovar o parque automobilístico do corpo de seguridade amiense. Deste xeito, dáse resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que conta. O orzamento estimado do presente contrato é de 42.595,50 euros, máis o correspondente IVE que supón 8.945,06 euros, o que fai un importe total de 51.540,56 euros. Estes vehículos son similares aos que xa empregan os axentes da Policía Local de concellos veciños.

Na actualidade, o corpo da Policía Local de Ames, integrado por un total de 25 efectivos, dispón de catro automóbiles para desenvolver o seu labor. Estes vehículos teñen entre 8 e 16 anos de antigüidade e rexistran un uso intensivo (todos os días á semana durante practicamente 24 horas), polo que a Policía Local manifestou a necesidade de substituír dous dos vehículos patrulla.

Co obxectivo de renovar o parque automobilístico da Policía Local, a Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou a finais do pasado mes de marzo o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, para a subministración de dous vehículos equipados con kit policial para o corpo de seguridade amiense. Unha vez finalizado o proceso de contratación, a Xunta de Goberno Local acaba de aprobar a adxudicación deste servizo, para que sexa a empresa Compostela Motor a que se encargue de subministrar dous novos vehículos da marca SEAT Altea.

Cómpre destacar que a este proceso presentáronse un total de 5 empresas do sector da automoción e que a compañía que maior puntuación obtivo foi Compostela Motor. O orzamento estimado do presente contrato é de 42.595,50 euros, máis o correspondente IVE que supón 8.945,06 euros, o que fai un importe total de 51.540,56 euros. O prazo de entrega dos vehículos será de 1 mes, que contará desde a formalización do contrato administrativo de subministración dos bens.

Características mínimas dos vehículos
Estes vehículos estarán dotados cun equipamento policial específico. Deste xeito, deben dispor de ponte de luces, iluminación perimetral e elementos de deseño e rotulación. Ademais, entre outras características, os vehículos deben incorporar un kit de transporte de detidos con mampara de separación entre os asentos dianteiros e traseiros, con cargadores para dúas lanternas; conxunto de mampara posterior de separación entre o asento traseiro e o maleteiro; emisora e antena; lanternas; conos; un extintor, etc.

O Concello de Ames recibirá os vehículos cos equipos policiais montados e tendo pasada a correspondente inspección técnica na que se inclúan todas as modificacións e equipamentos instalados coa correspondente homologación, debidamente matriculado e con toda a documentación en regra. Ademais, estes vehículos disporán dunha garantía de 4 anos ou ata que alcancen os 80.000 quilómetros (no caso de chegar a esta cifra antes de que os vehículos cumpran os 4 anos).