- Tematica
O Concello de Ames vén de adxudicar o contrato para a subministración de equipos de sensórica, medición de caudal, sinal e comunicacións para estacións de sectorización da rede de abastecemento, á empresa SALTOKI VIGO SL, por importe de 57.011,95 euros (IVE incluído). A través de dito contrato disporase de equipos para a implantación de estacións de control destinadas á medición do nivel de aforo de ríos, orientadas ao estudo de inundabilidade e á alerta temperá fronte a inundacións no municipio. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto Ames Dixital Water, que está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) mediante os fondos Next Generation EU, que á súa vez están dentro do PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga.
O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación e execución de diversos contratos enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.
A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU. O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.
Análise da situación actual
A rede municipal de abastecemento do Concello de Ames presenta unha configuración extensa e heteroxénea, resultado dun desenvolvemento progresivo ao longo do tempo, con tramos de distinta antigüidade, diversidade de materiais e diferentes condicionantes hidráulicos e topolóxicos. Esta circunstancia dificulta unha caracterización fiable e continua do comportamento hidráulico do sistema no seu conxunto, especialmente no relativo aos caudais circulantes, as presións de servizo e a correcta identificación e cuantificación das perdas de auga.
Na situación actual, o sistema de abastecemento non dispón, con carácter xeral, de medios suficientes para unha sectorización hidráulica instrumentada, que permita diferenciar e analizar o funcionamento da rede por zonas homoxéneas, con peche hidráulico efectivo e medida sistemática de caudais e presións. A información dispoñible limítase a puntos de control non estruturados por sector, o que impide realizar balances hídricos sectoriais, identificar consumos anómalos, localizar fugas con eficiencia e planificar con precisión as tarefas de mantemento e conservación. Esta carencia reduce de forma significativa a capacidade de detección temperá de incidencias (como roturas, fugas ocultas ou consumos non autorizados) e alonga os tempos de resposta ante disfuncións do servizo, dificultando unha xestión proactiva da rede.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través desta actuación preténdese dotar ao sistema de abastecemento dos medios instrumentais necesarios para avanzar na implantación dunha infraestrutura de sectorización hidráulica instrumentada, orientada a mellorar o coñecemento do funcionamento do sistema, reforzar o control operativo e dispoñer de información fiable para a toma de decisións. Esta infraestrutura debe permitir a medición precisa de caudais e presións nos sectores definidos, o rexistro continuo e trazable da información e a súa transmisión ás plataformas de xestión municipal”.
Alcance do contrato
O esquema funcional básico dunha sección de control articúlase ao redor dos seguintes elementos: dispositivo de medición de caudal, sensor de presión, unidade de adquisición e rexistro de datos (datalogger) e sistema de comunicacións. A través de dito contrato o Concello dotarase dos seguintes elementos:
-Dispositivos de medición de caudal, preferentemente por tecnoloxía ultrasónica ou outras tecnoloxías equivalentes, adecuados os diámetros nominais e ás condicións hidráulicas dos sectores definidos.
-Unidades de adquisición e rexistro de datos (dataloggers), asociadas a cada punto de control, con capacidade de almacenamento local, xestión de alarmas e transmisión da información.
-Sensores de presión, cando cumpra, para a caracterización do réxime de servizo en cada sector.
-Equipos e elementos de comunicación necesarios para o envío seguro e fiable dos datos ás plataformas de destino definidas polo Concello de Ames.
-Valvulería de seccionamento e elementos hidráulicos auxiliares asociados ao momento de control, estritamente vinculados a subministración do conxunto instrumental.
-Accesorios e elementos auxiliares normalizados estritamente necesarios para a integración funcional dos equipos fornecidos.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames instalará equipos para medir el caudal de los ríos y anticiparse a posibles inundaciones"
La Voz de Galicia: "Ames medirá los caudales de sus ríos para mejorar la red de agua"





