[25-11-2015] Esta mañá o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, e a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, compareceron en rolda de prensa, para facer a presentación do proxecto de construción do primeiro parque infantil accesible do concello de Ames. Este espazo de xogo estará situado na área deportiva do Milladoiro, que se atopa ao carón da Casa da Cultura, das pistas polideportivas e da piscina municipal desta localidade. Executarase no lugar da actual pista de skate, que se trasladará á urbanización de Aldea Nova. Este proxecto, que será financiado integramente a través dun convenio subscrito coa Deputación da Coruña, terá un custo de 68.000 euros. A previsión é que este parque poida estar rematado para poder ser usado de cara ao verán de 2016.

Plan de mellora da accesibilidade
Blas García tamén destacou que “este goberno aposta de forma clara e decidida por mellorar a accesibilidade de todas as persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional. Estamos sensibilizados con estas persoas xa que somos coñecedores de que en Ames a accesibilidade é un problema que intentaremos ir solucionando na medida do posible. É un compromiso que temos pensado ir desenvolvendo ao longo deste mandato”.
“O Concello de Ames dispón dun plan de accesibilidade que este goberno está recuperando para levar a cabo algunhas actuacións neste eido. Ademais deste parque, pretendemos mellorar a accesibilidade en varios edificios públicos e para iso vanse incluír varios proxectos no Plan de acción social da Deputación da Coruña. Polo de agora, empezamos habilitando varias prazas de estacionamento para discapacitados e poñendo a sinalización correspondente para cumprir coa normativa”, explicou o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, incidiu en que “a accesibilidade é un dos grandes retos pendentes do noso concello e algunhas veces os nenos e nenas con algún tipo de diversidade funcional son os grandes esquecidos xa que son un colectivo que non teñen voz propia. Este espazo de xogo, que cremos que é pioneiro na nosa contorna, creouse porque consideramos que os nenos e nenas necesitan espazos de xogo onde poidan compartir o seu tempo de lecer, sen que se teñan en conta as súas capacidades, e para que aprendan a vivir en igualdade e sen que as diferencias sexan uns obstáculo. Agardamos poder dispor de máis parque deste tipo no noso concello”.
Trátase do primeiro parque infantil accesible que se executará no termo municipal de Ames. Este espazo de xogo vai a ter tres zonas diferenciadas cun camiño polo medio do parque, que no futuro preténdese que estea unido cun acceso directo dende a Travesía do Porto. Este parque infantil disporá de varios elementos de xogo, dos cales a maior parte van a ser accesibles para nenos e nenas con discapacidade funcional. Inicialmente vai ter un acceso que descorrerá entre a pista polideportiva e a piscina municipal. Para pasar con facilidade por esta vía de acceso vanse a retranquear os postes de alumeado.
O novo parque infantil vai a estar dotado con diferentes elementos que poidan usar os nenos e nenas con diversidade funcional, pero tamén se instalará algún elemento que non será accesible, seguindo as indicacións dos técnicos. Instalarase unha zona de multixogo grande, á cal se poderá acceder con cadeira de rodas. Tamén disporá de columpios con respaldo, balancíns e un columpio con rede de araña no que poden xogar varios nenos/as ao mesmo tempo.
Ademais, instalarase unha fonte á que se poderá acceder en cadeira de rodas e unha zona de aparcamento para cadeiras e demais elementos infantís, que estará limitada por un banco de madeira, que terá un deseño singular, e que servirá para sentarse e darlle a merenda aos nenos e nenas. Preténdese que este parque infantil sexa un espazo de xogo integrado e integrador para nenos con discapacidade funcional e para outros nenos/as que non a teñen.
O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, incide en que “queremos facer un parque infantil que poida ser compartido entre os nenos/as con diversidade funcional e os que non a teñen, para que xoguen todos/as xuntos. Ademais, estamos traballando para ordenar esta área deportiva do Milladoiro co obxectivo de converter este lugar nunha zona de ocio e lecer para todos os veciñas e veciñas do Milladoiro. De cara ao futuro gustaríanos instalar nesta área diferentes elementos biosaudables, para poder concentrar nesta zona a nenos/as, pais/nais e aos avós e avoas. Está claro que O Milladoiro necesita unha zona de esparexemento que é gran reclamación que nos fan os seus veciños”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: 'O primeiro parque accesible estará ubicado no Milladoiro'
La Voz de Galicia: 'Ames destina 68.000 euros al primer parque infantil adaptado previsto en Milladoiro'




