Pestanas principais

Ames consolida a Rede Municipal de Comedores Escolares con 1.123 alumnos matriculados

Martes, 20 de setembro de 2016

[20-09-2016] Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura pon en marcha o servizo de comedores escolares, un dos proxectos municipais máis importantes. Trátase dun servizo que está xestionado directamente polo Concello e que conta co asesoramento dunha técnica experta en nutrición e dietética que elabora os menús dos alumnos/as que son usuarios/as destes comedores. Ademais, os menús adáptase semanalmente aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Este ano, por primeira vez, superáronse as 1.200 solicitudes. Un de cada dous alumnos matriculados en infantil e primaria xa solicita praza nos comedores escolares de Ames.

Os servizos complementarios do Concello de Ames, no que está incluída a Rede Municipal de Comedores Escolares, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da rede de comedores escolares, un servizo xestionado directamente polo Concello, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía con 337 alumnos/as, no CEIP Agro do Muíño con 256 rapaces e rapazas matriculados/as, no CEIP de Barouta con 77 usuarios/as, no CEP de Ventín con 270 nenos e nenas, e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro con 183 escolares.

En total, durante o curso 2016-2017 farán uso deste servizo 1.123 rapaces e rapazas. Este ano, por primeira vez, superáronse as 1.200 solicitudes. Un de cada dous alumnos matriculados en infantil e primaria xa solicita praza nos comedores escolares de Ames. As solicitudes presentadas fóra de prazo forman parte da listaxe de agarda no comedor de cada colexio. Este servizo conta con 22 traballadores (2 cociñeiros e 20 persoas de servizos xerais). Este persoal foi incluído na Relación de Postos de Traballo, actualizada recentemente polo goberno municipal, e modificouse a súa situación contractual co Concello para dispor dunha maior seguridade laboral.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “consolidamos un servizo municipal imprescindible, coa incorporación de 22 persoas á relación de postos de traballo do Concello de Ames. Este modelo de xestión pública e directa cumpre o seu décimo aniversario, cun importante incremento no número de solicitudes e de prazas en cinco comedores escolares”.

Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Menús adaptados
O Concello de Ames dispón dunha técnica experta en nutrición e dietética que é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente, de xeito que non se repiten, e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais.

Deste xeito, adáptase semanalmente o menú basal aos tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Para este curso hai un total de 126 nenos/as con algún tratamento alimentario específico. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.

Ademais da rede de comedores municipal, o Concello de Ames ofrece outros servizos de conciliación durante o curso escolar. Trátase dos programas Bos Días Cole e Tardes divertidas, que se desenvolven tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e Primaria. Durante o curso 2016-2017 hai 270 alumnos matriculados no programa Bos Días Cole e 140 nas Tardes Divertidas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La mitad del alumnado emplea la red amiense de comedores"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames consolida su red de comedores con más de mil alumnos matriculados"