Pestanas principais

Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello

Xoves, 09 de marzo de 2023

O Concello de Ames conmemorou este mércores, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello, en Bertamiráns. O acto comezou co reparto do material promocional do 8M e coa lectura do manifesto institucional. Ao rematar, o alumnado da Escola de Música de Ames interpretou o tema Ay Mamá de Rigoberta Bandini e as integrante da Plataforma feminista de Ames interpretaron un tema propio creado por elas mesmas chamado Mulleres. Tamén se instalou un photocall para todas e todos puideran facer unha foto con motivo do 8M. Pódense consultar os actos do 8M ao completo premendo nesta ligazón.

Foi un acto breve pero moi animado e con moita música. O acto comezou arredor das 17:45 horas co reparto do material promocional na praza do Concello, en Bertamiráns. De seguido, deuse lectura ao manifesto institucional do Concello de Ames con motivo do 8M. O manifesto foi lido polo alcalde, Blas García; a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo; a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero; a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; a voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra; o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego.

A segunda parte do acto foi reivindicativa, pero tamén moi animada e con moita música. Pilar Candocia, integrante da Plataforma feminista de Ames dixo que “hoxe é un día para celebrar e estar todas unidas”. Tamén lembrou a figura de moitas mulleres que ao longo da historia loitaron polos dereitos das mulleres como Rosalía de Castro, Clara Campoamor, Concepción Arenal...

O alumnado da Escola de Música de Ames interpretou o tema Ay Mamá de Rigoberta Bandini e as integrante da Plataforma feminista de Ames interpretaron un tema propio creado por elas mesmas chamado Mulleres.

Tamén se instalou un photocall para que todas e todos puideran facer unha foto con motivo do 8M. A persoas asistentes ao acto dispuxeron de diversos “bocadillos” co símbolo feminista e con diversas frases que pretenden contradicir algúns dos mitos máis comúns do amor romántico. Quen quixo puido empregar ditos “bocadillos” a modo de photocall para fotografarse.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, destacou “a boa acollida, unha vez máis, por parte da veciñanza amesá aos actos de conmemoración do 8M” e engadiu “hai que destacar a unidade fronte a cuestións tan importantes como é a loita pola igualdade e sobre todo agradecer, neste caso a Plataforma Feminista, como forza viva do concello o ir da man na nosa loita pola igualdade e a loita contra as violencias axudando, apoiando e enriquecendo todos os actos e actividades”.

Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán ao longo das vindeiras semanas. O venres, 17 de marzo, ás 17:30 horas, terá lugar a unha nova edición da carreira de obstáculos “Moitos camiños, mesma meta”, que pretende reivindicar os atrancos aos que se enfrontan as mulleres no seu día a día. As inscricións pódense facer de balde premendo nesta ligazón ou de maneira presencial (nas oficinas dos Servizos Sociais do Concello no Milladoiro ou en Bertamiráns), ata este venres, día 10.

Por outra banda, xa se están a desenvolver diversos obradoiros e charlas de autocoidado feminino impartidos por expertos en regulación emocional e hábitos saudables. Terán lugar os mércores e xoves do mes de marzo, na Casa dos Maiores de Bertamiráns e na Casa da Cultura do Milladoiro. O programa ao completo pódese consultar aquí.

Así mesmo, o venres 17 de marzo o auditorio da Casa do Milladoiro acollerá a representación da obra de teatro “A señora de Forcadela”, ás 20:30 horas. Nela nárrase a vida da mestra Josefina García Segret, retida na prisión de Tui durante a Guerra Civil, así como doutras mulleres que foron aprisionadas na mesma época. Os convites, de balde, están xa dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello.

O itinerario do 8M rematará coa exposición fotográfica “Sinaladas”, ofrecida pola Deputación da Coruña e organizada en colaboración co departamento de Cultura, que se poderá visitar no Milladoiro dende o 27 de marzo ao 21 de abril, e que xirará arredor da loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames reclamou a igualdade real no 8-M"

Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello

Multimedia

  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na praza do Concello
  • Imaxe photocall 8M
  • Reparto de material
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe photocall 8M
  • Imaxe da escola municipal infantil O Bosque
  • Embedded thumbnail for
  • Embedded thumbnail for