Pestanas principais

Ames conmemorou o Día de Rosalía de Castro cun acto poético-musical e co Caldo de Gloria

Luns, 26 de febreiro de 2018

[26-02-2018] O Concello de Ames organizou este pasado sábado, 24 de febreiro, un acto cheo de música e poesía no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, para homenaxear a Rosalía de Castro. O evento conmemorou o 181 aniversario do nacemento desta autora tan vinculada ao Concello de Ames. Houbo recitados de poesía, dramatizacións, videocreacións e actuacións musicais como as de Sonia Lebedynski e a da venezolana Wlaychel Lozano. No acto tamén participou o alumando dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países. Ao final do acto as persoas asistentes recibiron de agasallo un libro do certame literario amesá e unha rosa.


Caldo de Gloria
Ao longo da pasada fin de semana algúns dos establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro serviron cuncas de caldo de tapa, tanto durante as comidas como pola tarde nas ceas. Con motivo da celebración do Día de Rosalía 2018, unha efeméride que tivo lugar este sábado, 24 de febreiro, o Concello de Ames, xunto cos municipios de Brión e Padrón, así como coa Fundación Rosalía de Castro, organizaron a actividade denominada “Caldo de Gloria”.

O venres, 23 de febreiro, serviuse caldo galego na rede municipal de comedores escolares. Ademais, dentro desta iniciativa, os locais adheridos repartiron entre a súa clientela manteis de papel que levaban o poema de Rosalía dedicado ao caldo de gloria. Tamén, durante a fin de semana, os cafés que se puxeron nos bares e cafetarías de Ames foron acompañados de versos de Rosalía.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destacou que “con esta iniciativa pretendemos que a veciñanza amesá lembrase a Rosalía de Castro no seu día, compartindo en lugares públicos este caldo, un prato para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular. Ademais, os cafés que se serviron nos bares e cafetarías de Ames foron acompañados de versos de Rosalía co obxectivo de promover a difusión da obra e do pensamento rosaliano entre a veciñanza”.

Por último, cómpre destacar que o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, acudiron aos actos que se realizaron Santiago de Compostela o sábado 24 de febreiro pola mañá. En ditos actos tamén participaron representantes da Fundación Rosalía de Castro e dos Concellos de Brión e Padrón, que xunto a Ames puxeron en marcha a nova ruta turística As pegadas de Rosalía. Ás 11:00 horas, na Alameda de Compostela, fíxose unha ofrenda floral diante da Estatua de Rosalía, mentres que ás 11:30 horas, na Capela do Hostal dos Reis Católicos, realizouse un acto institucional e léronse varios textos rosalianos. O alcalde leu varios versos de Rosalía no se fai referencia ao concello de Ames e do poema Caldo de Gloria. Ao final de dito acto serviuse o Caldo de Gloria.

Rosalía tamén vive aquí
Por outra banda, os centros escolares de Ames tiveron unha presenza importante no devandito acto. Deste xeito, proxectáronse vídeos creados polo alumnado e o profesorado da EEI do Milladoiro, do IES do Milladoiro e do CEIP da Maía. En todos eles se daba conta do traballo feito nestes centros con motivo do Día de Rosalía. O alumado tamén recitou e musicou varios poemas rosalianos. Interviron sete alumnas e alumnos do CEIP Agro do Muíño; dez rapaces e rapazas do CEP de Ventín e sete mozos/as do IES de Ames que lle puxeron voz e música aos poemas Has de cantar meniña gaiteira e Viuvas de vivos.

Asemade, o acto contou coa actuación musical de Wlaychel Lozano, veciña amesá procedente de Venezuela que, este ano, participou no obradoiro de lingua e cultura organizado polo Concello de Ames e que interpretou o tema Negra Sombra. Dru Parbel, escritora madrileña afincada en Ames, recitou o poema Din que non falan as plantas. O acto pechou cun pequeno concerto de Sonia Lebedynski e coa entrega ao público dun libro do certame literario amesá e unha rosa.

A celebración do Día de Rosalía comezou coa música e voz de Sonia Lebedynski, cantora cuxa versatilidade interpretativa a levou a formar parte de proxectos musicais diversos tais como Son Delas, Ball Cans, Voces na Musa e Sereas, entre outros. Así mesmo, Lebedynski participou nos traballos discográficos de Fía na Roca, Susana Seivane, Camaxe, Seare, Asociación Galega de Gaiteiros Galegos, Brañas Folk, Enrique Paisal e Sergio Tannus. Está moi vinculada á creación de música para as máis cativas e cativos, xa que colaborou tamén en diferentes propostas musicais como O tempo dos xogos, Pelo Gato ou Non hai berce como o colo.

De seguido, a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, resaltou “a liberdade coa que Rosalía pensou, viviu e escribiu, o que inclúe utilizar a lingua galega na súa literatura, un acto revolucionario no século XIX. Se esa liberdade a fixo incómoda no seu tempo e lle provocou a incomprensión por parte das elites, tamén foi a que a encumiou como a nosa escritora universal e asemade galega e e popular; e tamén esa liberdade fai dela un espello no que queremos reflectirnos as mulleres galegas contemporáneas. Por iso o Concello de Ames se empeña, cada vez máis, en homenaxeala e popularizar a súa vida e a súa obra”.

Trala intervención da concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, fóronse alternando a lectura de poemas rosalianos coa proxección de vídeos feitos polo alumnado e profesorado dos centros de ensino de Ames. O acto estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López, que foi dando paso ás diferentes intervencións. Dolores Vilavedra, membro da Fundación Rosalía de Castro, leu o poema A Xustiza pola man, mentres que o poeta e profesor de lingua e literatura galega do IES de Ames, Carlos Negro, leu un poema de A Gaita Gallega. Ademais, Casiano Otero, do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, leu o poema Castellana de Castilla e Paco Rubinos, poeta local de Ames, deu lectura a dous textos de autoría propia sobre Rosalía.