Pestanas principais

Ames conmemorou o Día das Letras Galegas cun acto poético-musical no que se entregaron os premios dos Certames Literario e Intercentros

Venres, 18 de maio de 2018

[18-05-2018] O Día das Letras Galegas celebrouse en Ames cun día de antelación, é dicir, o mércores 16 de maio, cun acto literario musical no que se entregaron os premios do XV Certame Literario de narrativa e poesía e do X Certame Artístico-Literario Intercentros. No acto, presentado pola xornalista da radio municipal Nazaret López, interviñeron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e o membro do xurado do Certame Literario, Armando Requeixo. Nel tamén participaron as autoras e o autor dos traballos que obtiveron un accésit no Certame Artístico-Literario Intercentros. A dinamización musical do evento correu a cargo do grupo Ascuas e do alumnado de canto da Escola Municipal de Música de Ames. Neste 2018, o Día das Letras Galegas estivo dedicado á autora María Victoria Moreno.



XV Certame Literario de narrativa e poesía 
Nesta décimo quinta edición do Certame Literario, o Concello de Ames recibiu un total de 166 traballos, 86 na modalidade de poesía e 80 na modalidade de narrativa. Unha vez finalizada a intervención do membro do xurado, Armando Requeixo, precedeuse á entrega de premios. Os galardóns foron entregados polo propio Requeixo, quen estivo acompañado dos demais membros do xurado, María López Sández e Daniel Vilaverde Framil, así como polos concelleiros amesáns Isabel Vaquero e David Santomil e polo voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costa. 

Na modalidade de narrativa (categoría de ata 13 anos) a gañadora foi a amesá Sofía Álvarez Castro, coa obra Mil tormentas de area. A segunda clasificada foi María Calvar Giráldez, do concello de Mos, coa peza A miña árbore bombeira, mentres que na terceira posición quedou Mariña Maceiras Segovia, de Santiago de Compostela, co traballo Ao solpor, xunto ás ondas, no mar de Cangas.... Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) a gañadora foi Carmela Vieites Figueiras, de Ames, coa obra Cristo en Esteiro. O segundo clasificado foi Daniel Souto Pazó, de Brión, coa peza Contos repelentes para adolescentes, e na terceira posición quedou Iria Sánchez del Río, de Negreira, co traballo Noite de lóstregos. Na terceira e última categoría (18 anos ou máis) o gañador foi o amesán Xosé Anxo Corral Suárez, con Ortigas nos beizos. A segunda posición foi para Ricardo Cid Paz, de Ourense, coa peza Querido Walter, mentres que a terceira posición quedou deserta, por renuncia da autora motividada pola incompatibilidade deste premio con outro obtido polo mesmo texto. 

Na modalidade de poesía (categoría de ata 13 anos) o primeiro premio foi para o amesán, Damián del Río Figueiras, coa obra Galicia para o mundo. O segundo clasificado foi Marcos Boullosa Álvarez, do concello de Cambados, coa obra O que xa ninguén, mentres que na terceira posición quedou Mariña Maceiras Segovia, de Santiago de Compostela, co traballo Ano aneiro, rotas enteiro. Na segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) o primeiro premio foi para Alba de la Torre González, do concello de Vigo, coa obra Eternos. O segundo premio recaeu en Jorge Moral Vidal, do concello de Ourense, coa peza Alegatos Amargos, e na terceira posición quedou a amesá Iria Pérez Álvarez, con Emoción de censura. Por último, na categoría de 18 anos ou máis, o gañador foi Xosé Otero Canto, do concello de Lugo, coa obra Eramos nós, o segundo clasificado foi Amauta Castro, de Girona, coa peza Este corpo momentáneo, e na terceira posición quedou Mónica Cores Vázquez, do concello de Ordes, co traballo Fobos e deimos

O acto finalizou coa actuación do grupo Ascuas, que interpretou pezas tan afamadas como A Rumboia ou Unha terra, un pobo, unha fala, entre outras. O himno galego puxo o punto e final ao acto conmemorativo do Día das Letras Galegas do Concello de Ames.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este mércores, 16 de maio, a actividade conmemorativa polo Día das Letras Galegas. A gala, presentada pola xornalista da radio municipal Nazaret López, comezou ás 20.00 h e abriuse cunha actuación do alumnado de canto da EMMA, que interpretou o tema Matriarcas de Guadi Galego.

Após a actuación, interveu a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, quen destacou “o traballo meritorio de moitas amesás e amesáns, así como de outras moitas persoas de toda a xeografía galega, que ano tras ano se animan a escribir na nosa lingua”. “Este ano, no Día das Letras Galegas, homenaxéase a María Victoria Moreno, unha persoa singular, extremeña de nacemento mais galega de adopción, que fixo todo o posible por valorizar a nosa lingua e a nosa cultura. Por iso, máis alá de calquera recoñecemento literario, tamén é importante pór en valor o seu labor educativo na defensa do galego”, engadiu Isabel Vaquero. 

A continuación, o alumnado que obtivo os dous accésits no X Certame Artístico-Literario Intercentros procedeu á lectura dos seus traballos. Desta maneira, Danna A Rosas e Fernanda Pinto, alumnas do CEIP Agro do Muíño, e Gael da Silva do CEP de Ventín, recitaron respectivamente as obras O noso galego María Victoria Moreno. De seguido, subiron ao escenario o resto de alumnas e alumnos premiados neste certame. 

Na primeira categoría (alumnado de 3º e 4º de Primaria), o primeiro premio foi para Sara Canseco Prieto do CEIP Agro do Muíño polo traballo Sara e as palabras, mentres que o segundo premio recaeu en Fabio Suárez González do CEP de Ventín pola obra A lingua galega. O terceiro premio nesta categoría foi outorgado ao alumno do mesmo centro, Xoel Lago, polo traballo Oín a miña lingua. Na segunda categoría (5º e 6º de Primaria), o primeiro premio foi acadado por Antía Somoza do CEP de Ventín, pola súa proposta O galego. As alumnas Candela Vázquez e Noa de Blas, ambas do CEIP Agro do Muíño, conseguiron o segundo e o terceiro premio polas súas obras O meu galego Eu son burgalego. Os galardóns foron entregados pola concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e polo concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. 

Este ano, o Certame Intercentros buscou que o alumnado amesán contará, en prosa ou en verso, como é, como imaxinan ou como queren que sexa a súa relación coa lingua galega, a partir das declaracións de María Victoria Moreno, nas que afirmaba que a súa relación con Galicia e a nosa lingua era unha historia de amor. O Certame Intercentros desenvólvese anualmente en colaboración cos colexios de primaria do concello. 


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Premios literarios en Ames"