Pestanas principais

Ames conmemorou esta mañá o Día do Orgullo LGTBIQ+

Venres, 26 de xuño de 2020

Hoxe, 26 de xuño, celebrase o Día do Orgullo LGTBIQ+ no Concello de Ames , e para conmemoralo, o Paseo da Igualdade do Milladoiro acolleu esta mañá un obradoiro de pintado de bandeiras reivindicativas, xunto coa  inauguración do novo Espazo da Diversidade. Con este novo espazo ponse de manifesto unha vez máis que Ames é un concello que loita contra calquera tipo de discriminación. Ademais, no acto de inauguración procedeuse á lectura dun manifesto da man de dous rapaces activistas da loita LGTBIQ+, Eric Gómez e Pablo González.  Podes ver máis fotos da conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+ en Ames premendo neste enlace.

O Día do Orgullo LGTBIQ+ foi conmemorado esta mañá en Ames nun acto no que a Concellería de Igualdade, acompañada de outros cargos municipais e cidadanía amesá, quixo reivindicar a plena igualdade no concello.

O acto comezou ás 11.00 horas, cun obradoiro de pintado das bandeiras LGTBIQ+ e a transxénero, ao que puido asistir toda a veciñanza amesá que así o quixese.  Ademais, repartíronse lazos, pulseiras e bandeiras reivindicativas entre as persoas asistentes.

Lectura do manifesto da man de Eric Gómez e Pablo González

Posteriormente, ás 12.00 horas da mañá, procedeuse á lectura dun manifesto, da man de Eric Gómez e Pablo González, que reivindicaron as súas palabras en liña co activismo que comezou no ano 1969 cos disturbios de Stonewall. E así como se denominan a unha serie de manifestacións espontáneas que naceron en protesta contra unha redada policial que tivo lugar na madrugada do 28 de xuño de 1969, no pub coñecido como Stonewall Inn, afincado no barrio de Greenwich Village.
 
Asemade, Eric Gómez e Pablo González, activistas amesáns da loita LGTBIQ+, recalcaron que “nós somos dous rapaces privilexiados ao ser capaces de reunirnos aquí, a expoñer as nosas suxestións sen moita mais dificultade, pero isto é un privilexio que moitos outros activistas non dispoñen, especialmente xa non só no mundo occidental senón noutros países”. E engaden que “gozamos ademais doutro privilexio, que non sufrimos unha discriminación violenta, non podemos expoñer a nosa relación co bullying ou con problemas familiares porque estamos nunha situación na que somos maioritariamente aceptados, pero cremos que a discusión non debe de rematar aí”.

Por iso, o manifesto inclúe unha serie de reivindicacións que van desde a implantación de formación sobre a diversidade sexual nas aulas, á protección para quen sofra de LGTBIQfobia. Salientan ademais a necesidade de perseguir as agresións homófobas e transfóbas, buscando axudar as vítimas a non sentirse intimidadas. Tamén reivindican a inclusión no Sistema Nacional de Saúde da asistencia sanitaria necesaria para adecuar a identidade ao corpo e a implantación dunha lei trans estatal que garanta a non discriminación das persoas trans en todos os ámbitos da vida.

Inauguración do Espazo da Diversidade

Coa finalización da lectura do manifesto, procedeuse a inauguración do novo Espazo da Diversidade. Catro bancos e unha mesa pintados coas cores de distintas bandeiras reivindicativas, que quedarán como testemuña de que Ames é un concello que loita contra a calquera tipo de discriminación a prol da plena igualdade.

Ademais, cómpre engadir que durante estes días os comercios de Ames tamén se uniron a celebración do Orgullo LGTBIQ+. A Xuntanza de Empresarios de Ames colaborou engalanando os seus establecementos con símbolos reivindicativos, así como ofrecendo material a aqueles comercios que non son socios.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijoo quixo “agradecer a implicación dos veciños e veciñas que se achegaron hoxe a arroupar este acto, ao tecido comercial, á XEA pola campaña, e aos traballadores e traballadoras municipais polo seu traballo en prol da igualdade e a normalización da diversidade... Ames é un concello plural, que medra no respecto á tolerancia e a igualdade”. E engade que “espero que o Espazo da Diversidade que hoxe inauguramos, nun enclave como é o paseo da Igualdade por onde a nosa mocidade fai o camiño de ida e de volta ao IES, e que a rapazada frecuenta para ir ás actividades deportivas e de lecer, sexa un espazo que nos leve á visibilización e normalización das diversidades existentes na nosa sociedade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Área se llena de color y orgullo y celebra la diversidad sexual"

La Voz de Galicia: "Ames conmemora el Día do Orgullo en el Paseo da Igualdade de O Milladoiro"

Revista Ames Go: "Ames xa ten un Espazo da Diversidade"

Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+

Multimedia

  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+
  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+
  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+
  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+
  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+
  • Conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+