[25-05-2013] Como todos os anos desde 2005, o Concello de Ames conmemorará o Día Nacional do Celíaco cun xantar no comedor dun dos centros educativos do municipio. Neste 2013 a cita será o vindeiro luns, 27 de maio, no CEIP A Maía. A esta comida asistirán membros da corporación municipal, así como empregados do colexio, traballadores do Concello, medios de comunicación e pais de nenos con celiaquía e alerxias alimentarias.
O obxectivo deste xantar, no que colaboran a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex, é facer extensivo ao resto de alumnado amiense o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. O Concello de Ames pretende informar sobre a celiaquía, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece esta doenza pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva. Esta iniciativa, que se vén celebrando nos últimos anos, busca tamén promover a integración plena das persoas que sofren celiaquía por medio do coñecemento da doenza e saber do sinxelo que é convivir con ela.
O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.
Na xa tradicional comida do Día do Celíaco daranse cita un grupo de representantes de diversos sectores e do ámbito educativo municipal, así como pais e nais de nenos celíacos e, como xa é tamén tradicional no Concello de Ames, nais e pais tamén de nenos alérxicos; que compartindo un menú apto para celíacos, intercambiarán impresións e solidarizaranse cos rapaces/as celíacos, e tamén cos alérxicos e, en xeral, coas persoas que requiren un tratamento nutricional específico por mor de intolerancias ou enfermidades.
Alerxias alimentarias
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos 117 tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Durante o curso 2012-2013, hai un total de 1.031 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares. Dende este servizo préstase unha especial atención aos 11 casos de alerxia a alimentos con risco de shock anafiláctico. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames conmemora el Día do Celíaco en sus comedores"