[27-05-2013] O Centro de Ensinanza Infantil e Primaria (CEIP) A Maía de Bertamiráns acolleu este mediodía un acto moi especial. Dende o departamento de Educación do Concello de Ames organizouse unha comida con motivo da conmemoración do Día Nacional do Celíaco. Con este xantar preténdese facer extensivo ao resto de alumnado o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. Nesta actividade participaron un total de 31 persoas, entre as que se atopaban varios membros da corporación municipal, así como profesores dos centros educativos amienses, empregados do colexio, traballadores do Concello, monitores e 10 pais de nenos e nenas con celiaquía e alerxias alimentarias.
O Concello de Ames é pioneiro desde 2005 nesta labor de integración nos seus comedores, mediante o traballo tanto da Rede Municipal de Comedores Escolares como das dúas escolas infantís municipais: O Bosque e A Madalena, ofrecendo aos nenos e nenas usuarios destes servizos menús adaptados ás súas necesidades.
Na xa tradicional comida do Día do Celíaco déronse cita un grupo de representantes de diversos sectores e do ámbito educativo municipal, así como pais e nais de nenos celíacos e, como xa é tamén tradicional no Concello de Ames, nais e pais tamén de nenos alérxicos; que compartindo un menú apto para celíacos, intercambiaron impresións e solidarizáronse cos rapaces/as celíacos, e tamén cos alérxicos e, en xeral, coas persoas que requiren un tratamento nutricional específico por mor de intolerancias ou enfermidades.
Rede municipal de comedores
Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos 117 tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Durante o curso 2012-2013, hai un total de 1.031 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares. Dende este servizo préstase unha especial atención aos 11 casos de alerxia a alimentos con risco de shock anafiláctico. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.
Ao acto asistiron os concelleiros de Educación, Bernardo Moar, e de Benestar Social, María Eugenia Martín. Ademais, participou o edil do grupo socialista Francisco Doval e as concelleiras Pilar Candocia, Olaia Alvite e María González. Xunto a eles, gozou da comida a directora da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), Isabel Capdevila, e a directora do CEIP A Maía, Rosalía Avilés.
Pan sen glute, ensalada tropical, garavanzos á boloñesa e iogur natural. Esta foi a comida que se serviu hoxe na rede municipal de comedores escolares e nas escolas infantís para conmemorar o Día Nacional do Celíaco, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex. Este menú foi totalmente apto para os celíacos e os nenos/as que sofren algún tipo de alerxia alimentaria. O resto de nenos e nenas que non seguen un tratamento alimentar específico tamén xantaron o mesmo menú.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames conmemora o Día Nacional do Celíaco cunha comida no CEIP de A Maía"
La Voz de Galicia: "La enfermedad celíaca se detecta tres años tarde y cuesta 1.600 euros al año"




