Pestanas principais

Ames conmemora o Día Nacional do Celíaco cunha comida no CEIP de Barouta

Luns, 28 de maio de 2012

[28-05-2012] O Centro de Ensinanza Infantil e Primaria de Barouta acolleu este mediodía un xantar co que o Concello de Ames conmemorou o Día Nacional do Celíaco, que se celebrou onte en todo o mundo. Nesta actividade participaron un total de 32 persoas, entre as que se atopaban o alcalde de Ames, Santiago Amor, e varios membros da corporación municipal, así como empregados do colexio, traballadores do Concello, medios de comunicación e pais de nenos con celiaquía e alerxias alimentarias.

Ao acto asistiron os concelleiros de Servicios, Ramón Argibay; de Educación, Bernardo Moar; de Familia, María Dolores Fernández, e de Deportes, Manuel Ferreiro. Ademais, participaron os concelleiros do grupo municipal do PSOE, José Miñones e Francisco Doval, e de Ames Novo, Pilar Candocia e Olaia Alvite. Xunto a eles, gozou da comida a directora da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), Isabel Capdevila, e o director do CEIP de Barouta, Jesús Seage.

Pan sen glute, ensalada mixta, arroz con polo e albaricoque. Esta é a comida que se serviu hoxe na rede municipal de comedores escolares e nas escolas infantís (O Bosque e A Madalena) para conmemorar o Día Nacional do Celíaco. Este menú é totalmente apto para os celíacos. O resto de nenos e nenas que non seguen un tratamento alimentar específico tamén xantaron o mesmo menú co obxectivo de facer extensible a todo o alumnado o Día Nacional do Celíaco e para que o resto dos nenos/as saiban que hai compañeiros que teñen necesidades alimentarias específicas.

O obxectivo deste xantar, no que colaboran a Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) e a Asociación Española de Alérxicos a Alimentos e Látex, é facer extensivo ao resto de alumnado amiense o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. O Concello de Ames pretende informar sobre a celiaquía, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece esta doenza pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva. Esta iniciativa, que se vén celebrando nos últimos anos, busca tamén promover a integración plena das persoas que sofren celiaquía por medio do coñecemento da doenza e saber do sinxelo que é convivir con ela.

Alerxias alimentarias

A Rede Municipal de Comedores escolares do Concello de Ames atende todos os días a 1.060 alumnos e alumnas, dos que 116 seguen un tratamento alimentar especial. Nese grupo están incluídos 9 nenos/as celíacos e 15 cativos con risco de shock anafiláctico. Entre as alerxias máis comúns que presentan os rapaces están, ademais da celiaquía, a intolerancia á lactosa, aos froitos secos e o refluxo.

Con esta iniciativa, que conmemora a celebración do Día Nacional do Celíaco, o Concello pretende cumprir dous obxectivos. O primeiro, solidarizarse coas persoas que viven con esta intolerancia e facer noticia deste evento co fin de concienciar á sociedade da necesidade de apoiar a estas persoas. O segundo dos obxectivos é educar aos nenos e nenas de Ames sobre a celiaquía e sobre as diferentes intolerancias e alerxias. O que se pretende é educalos en solidariedade. De feito, está comprobado que tras varios anos de celebración desta comida, os alumnos e alumnas da Rede Municipal de Comedores escolares son conscientes de que hai compañeiros que comen diferente, pero que non por iso son diferentes.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Mil usuarios de los comedores de Ames degustaron un menú sin gluten"