Pestanas principais

Ames conmemora o Día Mundial sen Tabaco coa realización dunha andaina peonil polo Milladoiro

Martes, 29 de maio de 2018

[29-05-2018] O Concello de Ames celebra estes días a XIX Semana sen Fume, unha iniciativa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A iniciativa inclúe a instalación de mesas informativas nos centros de saúde do Milladoiro e Bertamiráns, nas que se ofrecerá información de interese ás persoas que queiran deixar de fumar. Así mesmo, o xoves, Día Mundial sen Tabaco, a Asociación Española contra o Cancro (AECC) instalará un punto de información fronte a Casa do Concello en Bertamiráns, entre as 11:00h e as 13:00 horas. Ese mesmo día, o Concello de Ames en colaboración co centro de saúde do Milladoiro organiza unha andaina urbana peonil no Milladoiro, que será aberta a toda a veciñanza. A iniciativa tamén engloba a divulgación de material gráfico encadrado no marco da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS: “Decídete a deixar de fumar” e “Plan para deixar de Fumar”. Dito material ofrece consellos prácticos á hora de abandonar a adición ao tabaco.


“Para gozar a saco, non precisas tabaco” é o lema baixo o que se presenta a XIX Semana Sen fume, que se celebra entre o 25 e o 31 de maio. Organizada pola Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a iniciativa inclúe diferentes eixos de actuación, entre os que sobresaen aqueles de carácter informativo. Desta maneira, ao longo desta semana, poderanse atopar nos centros de saúde do Milladoiro e Bertamiráns puntos de información, que tratarán de achegar ás persoas interesadas os mellores mecanismos e técnicas á hora de abandonar o tabaco.

Alén diso, este xoves, 31 de maio, conmemórase o Día Mundial sen Tabaco. Por este motivo, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) establecerá unha mesa informativa fronte a Casa do Concello de Bertamiráns, entre as 11:00h e as 13:00 horas. Nesta mesa, estarán unha psicóloga da asociación acompañada por un voluntario da AECC.

O mesmo día, o Concello de Ames organiza coordinadamente co centro de saúde do Milladoiro, unha andaina urbana peonil. A ruta, que terá unha trazado circular e unha dificultade media-baixa, partirá ás 17:30 horas do centro médico. O percorrido terá unha duración aproximada dunha hora. Para participar nesta actividade, que é aberta a toda a veciñanza, non é preciso inscribirse previamente.

A iniciativa tamén inclúe material gráfico, que pretende divulgar entre a cidadanía consellos prácticos e pautas a seguir para abandonar o tabaco. Dita documentación pódese atopar no apartado de descargas desta nova. De igual maneira, o Concello de Ames elaborou unhas receitas, que recollen tanto datos da andaina como unha serie de recomendacións. O obxectivo destas actividades, encadradas dentro da conmemoración da Semana sen Fume, é concienciar á cidadanía das consecuencias negativas do consumo de tabaco na saúde, de xeito preventivo para aquelas e aqueles que non fuman, mais tamén coa vontade de animar ás fumadoras e fumadores a deixar esta adición.


Contido relacionado


Lindeiros: "Andaina urbana polo Día Mundial sen Tabaco"
Compostela 24 horas: "Ames conmemora o Día Mundial sen Tabaco coa realización dunha andaina peonil polo Milladoiro"