[21-09-2018] Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional do Alzheimer, que se celebra este venres 21 de setembro, o Concello de Ames, mediante a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, organizou ao longo desta semana unha campaña para concienciar e dar visibilidade a esta enfermidade mediante unha charla informativa e varios vinilos expostos en distintas dependencias municipais.



O programa completouse coa celebración da charla “O Alzheimer e o papel das asociacións”, impartida pola psicóloga da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (AGADEA), Alba Felpete, no local do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI) o pasado mércores, 19 de setembro.
Durante a conferencia, a psicóloga faloulles aos asistentes sobre o traballo que están a realizar as asociacións galegas que xiran en torno ao alzheimer, en especial da actividade de Agadea. Tamén aproveitou para achegarlles unha explicación sobre a enfermidade, as súas causas e tratamento, así como unhas pautas xerais para enfrontarse e asistir ao enfermo co que se convive.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luisa Feijóo, que agradece a boa acollida que tivo esta iniciativa por parte dos diferentes establecementos, comenta que o obxectivo desta iniciativa é “por un lado sensibilizar sobre o que xa podemos considerar como a epidemia do século XXI, a importancia de manterse activos e dun diagnóstico precoz como base para a prevención, sin esquecernos da figura do coidador/a entendendo o alzheimer como o paradigma da dependencia xa que afecta por igual o doente e o coidador/a e familia”.

Este venres, 21 de setembro, celébrase o Día Mundial do Alzheimer co obxectivo de facer visible unha enfermidade que, segundo datos da Confederación Española de Alzheimer, afecta a máis de 4,5 millóns de persoas en España. Así, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, quixo sumarse á conmemoración con unha campaña que busca sensibilizar sobre as consecuencias sociosanitarias desta enfermidade e, ao mesmo tempo, concienciar sobre a importancia da prevención.
Esta campaña apoiase na colocación, en todos os edificios públicos do Concello, duns vinilos visibles nos que poden lerse frases como "mentres uns tentan esquecer outros loitan por lembrar", "non ten esquezas dos que esqueceron, eles necesítante", "mírame aos ollos para que os teus griten o meu nome e me recoñeza de novo", "déixame ir pero non me esquezas porque sigo sendo eu", "non chores porque non te lembre, sorrí por lembralo ti" ou " a pel non sofre de alzheimer sempre lembra unha caricia”. Con esta iniciativa, buscase invitar á sociedade a reflexionar sobre a enfermidade.
Así, os carteis encóntranse visibles en locais municipais como a Casa do Concello, as Oficinas Xerais do Milladoiro, ou as casas da cultura e bibliotecas de Ames. Numerosos establecementos comerciais e empresas quixeron unirse á iniciativa, como Altia Consultores ou varias empresas do Centro Comercial Novo Milladoiro, como Cousalinda, A Ratiña Golosa, Laundry Today, Centro Óptico Novo Milladoiro, Kris Peluquería, Xoiería Atempo, Samarkanda Cafetería e Piedra, papel, tijera.




