- Tematica
Hoxe sábado, 28 de xuño, celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+. O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, sumouse a esta conmemoración coa lectura do manifesto institucional que se realizou esta mañá no Paseo da Igualdade, no Milladoiro. Ademais entregóuselle o premio á gañadora do concurso fotográfico LGTBIQ+, que se enmarca na campaña “Ames a quen ames faino con orgullo”. Tamén houbo música e actividades para todos os públicos con talleres de pintura de bolsas, obradoiros de pintura de pedras, taller de pulseiras e para elaborar espetadas de lambonadas.
O Concello de Ames conmemorou esta mañá o Día do Orgullo LGTBIQ+. A xornada deu comezo ás 11:00 horas, coa lectura do manifesto institucional ao que lle deron voz por esta orde: o alcalde de Ames, Blas García; a voceira do Partido Popular, Oliva Agra; a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo; a voceira do BNG, Escarlata Pampín; e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García.
Este ano o manifestou destacou que “o 30 de xuño de 2005, o Congreso dos Deputados aprobaba unha lei histórica que recoñecía o dereito ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Un pequeno cambio legal, mais un paso xigante cara á liberdade, á igualdade e á dignidade. Hoxe, vinte anos despois, no Concello de Ames queremos lembrar aquel momento e celebrar todo o camiño andado, sen esquecer todo o que queda por percorrer”.
Tamén se puxo o foco en que “no ano 2025, intensificouse notablemente a violencia e o odio contra a comunidade LGTBIQ+ en España, cunha crecente normalización de discursos discriminatorios que se traducen en agresións concretas. As cifras evidencian a urxencia dunha actuación institucional e social para protexer este colectivo e garantir unha convivencia libre de odio”.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, rematou dicindo: “o odio non é unha opinión, é unha ameaza á convivencia, á paz social e á seguridade de milleiros de persoas. Por iso, é responsabilidade de todas e todos rexeitar con firmeza calquera forma de intolerancia e traballar activamente por unha cultura baseada no respecto, na empatía e nos dereitos humanos. Desde Ames, hoxe dicimos con orgullo que somos terra de igualdade. Somos un concello diverso. Non daremos nin un só paso atrás. AMES A QUEN AMES, FAINO CON ORGULLO”.
Concurso fotográfico LGTBIQ+
Ademais, trala lectura do manifesto a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, entregoulle o premio a Paula Castiñeira Olveira, veciña do Milladoiro, que é a gañadora da segunda edición do concurso fotográfico LGTBIQ+. Na segunda edición deste certame participaron 4 persoas. Tres son veciños/as do Milladoiro: Paula Castiñeira Olveira, Sergio Martínez Calvo, e Camino Tellado Fernández, mentres que María Porras Alcón enviou a súa imaxe dende Murcia.
Música e actividades para todos os públicos
Por outra banda, durante toda a mañá houbo música e actividades para todos os públicos con talleres de pintura de bolsas, obradoiros de pintura de pedras e mural, taller de pulseiras e para elaborar espetadas de lambonadas. A través desta actividades o departamento de Igualdade reivindica a plena igualdade no concello e pon de manifesto a loita contra calquera tipo de discriminación.
Ademais, decorouse o Paseo da Igualdade, no Milladoiro, e maila rúa do Ameneiral, en Bertamiráns, con bandeiras coas cores LGTBIQ+. Tamén se colocou un novo monolito en Costoia en un novo elemento decorativo na rúa de Abaixo, no Milladoiro.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ con música, obradoiros e coa lectura do manifesto institucional"
AMSGO!: "Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ con música, obradoiros e coa lectura do manifesto institucional"




























