Pestanas principais

Ames conmemora o Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ con actividades en Bertamiráns e no Milladoiro

Venres, 23 de xuño de 2023

Con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o Concello de Ames prepara unha serie de iniciativas para o día 28 de xuño nas dúas vilas principais, Bertamiráns e O Milladoiro. Pola mañá realizarase a lectura do manifesto na Casa do Concello de Bertamiráns. Pola tarde, O Milladoiro acollerá actividades para nenos e nenas e a actuación do DJ WANA. Ademais, os monólitos de acceso ao concello lucirán a bandeira co arco da vella e o lema “Ames a quen Ames, faino con orgullo”. 

O vindeiro 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o concello de Ames encherase de cor a modo de conmemoración. Por un lado, a Concellaría de Igualdade prepara o tradicional manifesto, que se lerá na escalinata da Casa do Concello de Bertamiráns ás 12:00 horas do mércores.

Doutra banda, xa en horario de tarde, O Milladoiro acollerá distintas iniciativas para a cativada e para os adultos. Será no Paseo da Igualdade (no aparcadoiro da Casa da Cultura). Entre as 18:00 e as 20:00 haberá actividades para nenos e nenas. Entre as 20:00 e as 23:00 horas actuará o DJ WANA.

Nesta ocasión, escolleuse o lema “Só importa que Ames” para reivindicar o Día Internacional do Orgullo. Para plasmar o eslogan, o Concello empregou liñas de puntos similares á utilizadas nos cadernos de escritura, simbolizando o avance da aceptación do movemento LGBTIQ+ entre a sociedade, e a importancia da aprendizaxe dos valores da tolerancia e o respecto.

Por outra banda, a partir do vindeiro luns, 26 de xuño, os monólitos de acceso ao termo municipal, situados nas inmediacións de Bertamiráns e do Milladoiro, vestiranse coa bandeira LGBTI+ e a inscrición “Ames a quen Ames, faino con orgullo”.

O departamento de Igualdade reivindica así a plena igualdade no concello e pon de manifesto a loita contra calquera tipo de discriminación.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Ames vive un Orgullo reivindicativo este día 28"

Cartaz das actividades polo Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+

Multimedia

  • Cartaz das actividades polo Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+
  • Imaxe da bandeira de arcoíris nos monolitos
  • Monolito de entrada a Bertamiráns
  • Monolito de entrada ao Milladoiro