Pestanas principais

Ames conmemora o Día Internacional de Loita contra a violencia de xénero durante a próxima semana

Sábado, 17 de novembro de 2012

[17-11-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, desenvolverá ao longo da vindeira semana varios actos con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, que se conmemora o próximo 25 de novembro. Os actos comezarán o martes 20 de novembro, ás 18:00 horas, no auditorio do IES de Ames. O alumnado deste centro de ensino e a veciñanza amiense poderá asistir ao espectáculo “I´ll be watching you” (Hei estar vixiándote). Trátase dun espectáculo lúdico-musical e pedagóxico co que se pretende concienciar á mocidade dos roles de xénero reproducidos nas cancións de amor. O venres 23 de novembro, ás 12:00 horas, farase unha cadea humana na praza do Concello contra a violencia de xénero. Ademais, darase lectura a un manifesto que se está elaborando de forma conxunta entre os tres partidos políticos que teñen representación na corporación municipal.

O Concello de Ames desenvolverá durante a próxima semana unha serie de actos cos que se conmemorará e apoiará o Día Internacional de Loita contra a violencia de xénero, que se celebra o día 25 de novembro. Dende a Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude maniféstase un rotundo rexeitamento a esta lacra social que supón a violencia machista. Este ano o lema da programación de actos que desenvolve o Concello é Nin estás soa, nin es a única.

Os actos comezan o martes 20 de novembro cun espectáculo pedagóxico-musical co que se pretende concienciar á mocidade dos roles de xénero reproducidos nas cancións de amor. Este concerto, promovido pola Secretaría Xeral da Igualdade, está dirixido ao alumnado do IES de Ames e a toda a veciñanza amiense en xeral. A iniciativa forma parte da oferta de actividades de Igualdade á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada o pasado mes de setembro en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP.

O espectáculo, denominado I’ll be watching you, toma o seu título dunha balada do grupo Police, Every breath tou take, que fala da obsesión dun amante abandonado que repite hei estar vixiando, ti perténcesme. Baixo ese punto de partida, analiza as cancións e produtos musicais que consume a mocidade, dende unha perspectiva de xénero, mediante actividades creativas e participativas. A sesión inclúe unha escolma de temas ben coñecidos que falan das relacións de parella, do namoramento, da paixón, da posesión, da dependencia e dos ideais románticos, para fomentar o espírito crítico e a toma de conciencia da necesidade de actuar para previr situacións susceptibles de derivar en relacións desiguais ou en violencia de xénero.

Cadea humana contra a violencia de xénero
Por outra banda, o venres 23 de novembro, ás 12:00 horas, farase unha cadea humana na praza do Concello contra a violencia de xénero. Nesta cadea humana de unión contra esta lacra social poderán participar todos os veciños/as, traballadores municipais e membros da corporación municipal que así o desexen. Ademais, darase lectura a un manifesto que se está elaborando de forma conxunta entre os tres partidos políticos que teñen representación na corporación municipal.

A concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, anima a todos os veciños e veciñas a participar nesta cadea humana para loitar contra a violencia de xénero. María González engade que “a sociedade ten que estar atenta a calquera sinal e denunciar. É moi importante o papel que desenvolven os familias e persoas que coñecen a unha persoa que sofre este tipo de maltrato porque son eles os que poden dar a voz de alarma”.

Información para a muller maltratada
O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.

Así mesmo, as mulleres maltratadas deben acudir ao centro hospitalario máis próximo para que se lle realice o parte de lesións despois do debido recoñecemento médico. Tamén poden acudir á Garda Civil para denunciar a situación, así como solicitar unha orde de protección, na que se establecen as medidas de prohibición de aproximación do maltratador, así como a custodia dos fillos.

A muller maltratada tamén pode achegarse ao departamento municipal da Muller, onde existe un equipo multidisciplinario á súa disposición, formado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha asesora xurídica e unha auxiliar administrativa, que a informarán sobre todo o necesario para liberarse do maltrato e paliar as súas consecuencias.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Manifiesto común amiense y actos masivos para atajar la violencia contra la mujer"