[27-11-2011] O Concello de Ames conmemorou o venres 25 de novembro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, o Dia Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres cun acto institucional no que se leu un manifesto conxunto das tres forzas políticas con representación na corporación amiense e se proxectaron vídeos para concienciar á poboación desta temática. A continuación representouse a obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. Dende o Concello maniféstase cada ano por estas datas un rotundo rexeitamento a esta lacra social que supón a violencia machista.
O Concello de Ames celebrou serie de actos na Casa da Cultura do Milladoiro cos que se conmemorou e apoiou o Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se celebrou o día 25 de novembro. A partir das 20:30 horas, o centro sociocultural do Milladoiro acollereu un acto institucional no que a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, leu un manifesto en representación dos tres grupos municipais con representación na corporación municipal. María González estivo acompañada por Isabel González do grupo municipal socialista e Pilar Candocia do grupo municipal nacionalista.
Neste manifesto conxunto os tres grupos políticos manifestaron que "é importante que a concienciación da sociedade comece polos mozos e mozas, porque é na nenez e na adolescencia cando se forma unha parte moi significativa do carácter, cando se adquiren valores e en definitiva cando se aprende a respetar ás persoas. É imprescindible que dende a familia, dende os círculos de amizade, no lugares de estudo e de traballo, se denuncie a violencia de xénero, porque rematar coa violencia conta as mulleres é unha tarefa de todos e de todas. Por iso os poderes públicos non podemos estar á marxe desta problemática, non podemos pechar os ollos e limitarnos a lembrar hoxe ás vítimas. Temos que ir máis alá e tomar conciencia de que en pleno século XXI, a violencia de xénero segue a ser, por desgraza, un dos retos máis difíciles e importantes aos que se enfronta a nosa sociedade. E todos nós estamos implicados. Todos nós temos a obriga de amosar a nosa repulsa, denunciala e mobilizarnos".
Trala quenda de intervencións o acto pechouse coa representación da obra teatral "Ceg@s" que se encadra dentro da V Mostra de Teatro afeccionado do Concello de Ames, representada pola Escola de teatro municipal de Muros. A sinopse desta obra di "en realidade era un día como outro calquera, rostros amargos, outros alegres, uns indiferentes, outros educados... O de sempre, a rutina de todos os días naquela praza da vila. Pero hoxe todo se parou, todo se transformou, a mirada daquela muller xa nunca lle esquecería a ninguén dos presentes. Desde aquel día xa non somos tan ceg@s". Esta obra está recomendada para persoas maiores de 13 anos e ten unha duración de 70 minutos.
Este ano o Concello de Ames puxo en marcha a campaña "Ser xove non te inmuniza contra a violencia machista" que se está desenvolvendo esta semana. Dentro deste programa de actividades este mércores realizouse unha charla no IES de Ames co fin de que os mozos e mozas reflexionasen sobre as causas primarias da violencia de xénero. A concelleira desta área, María González, explica que "este ano a campaña se centra nos máis novos xa que é preciso conciencialos deste problema social". "A sociedade ten que estar atenta a calquera sinal e denunciar, e máis aínda se as vítimas son menores" engade a concelleira.
Información para a muller maltratada
O Concello pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato teléfonos de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941. Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.
Así mesmo, as mulleres maltratadas deben acudir ao centro hospitalario máis próximo para que se lle realice o parte de lesións despois do debido recoñecemento médico. Tamén poden acudir á Garda Civil para denunciar a situación, así como solicitar unha orde de protección, na que se establecen as medidas de prohibición de aproximación do maltratador, así como a custodia dos fillos.
A muller maltratada tamén pode achegarse ao departamento municipal da Muller, onde existe un equipo multidisciplinario á súa disposición, formado por unha psicóloga, unha traballadora social, unha asesora xurídica e unha auxiliar administrativa, que a informarán sobre todo o necesario para liberarse do maltrato e paliar as súas consecuencias.




