[19-04-2012] Un ano máis o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro cun acto especial que reunirá a literatura e a música e que terá lugar este sábado, 21 de abril, en Bertamiráns. A partir das 16:30 horas, a Praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros, contos, poesía, música, obradoiros... actividades creativas e entretidas para todos e todas. O evento abrirase cun acto literario-musical no que se fará a presentación dos traballos premiados no VIII Certame Literario Concello de Ames e se realizará unha lectura colectiva dos textos premiados. A lectura dos textos irase mesturando coa música en directo do grupo de música folk Avelaíña. Tamén haberá obradoiros infantís de creación de chapas e marcapáxinas. Ás 18:30 horas haberá contacontos para os máis pequenos e desenvolverase o espectáculo/obradoiro Titerehop, dirixido aos mozos/as de 13 a 17 anos, e que está centrado na cultura hip-hop.
Contos, poesía, venda de libros, música, obradoiros... actividades creativas e entretidas para todos os públicos encherán este sábado, 21 de abril, na Praza do Concello de Bertamiráns con motivo da conmemoración do Día do libro. A concellaría de Cultura do Concello de Ames deseñou unha programación especial para conmemorar o Día Internacional do Libro. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e aproveitar a afluencia de público que adoita haber os sábados en Bertamiráns por causa do mercado de rúa. O tempo non será en ningún caso un impedimento para asistir, pois os operarios do Concello instalarán varias carpas nas que terán lugar os diferentes eventos.
A programación para conmemorar o Día do Libro desenvolverase entre as 16:30 h e as 21:00 horas aproximadamente. A partir das 16:30 horas, a Praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros. Este día suporá unha boa oportunidade para dar á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois ao mesmo tempo e no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías de Ames exporán os seus libros e poranos á venda. As librarías Lenda (Bertamiráns), Boas e Novas (Bertamiráns) e Nenos e nais (O Milladoiro) ofrecerá un desconto do 10% de desconto sobre o prezo en libraría.
Acto literario-musical
Ás 17:00 horas realizarase un acto literario-musical no que se fará a presentación dos traballos premiados no VIII Certame Literario Concello de Ames e realizarase unha lectura colectiva dos textos premiados. A lectura dos traballos gañadores na anterior edición do Certame Literario iranse mesturando coa música en directo do grupo de música folk Avelaíña. Simultaneamente, realizarase un obradoiro para elaborar chapas e marcapáxinas. Os rapaces e rapazas poderán aprender distintas técnicas para confeccionar os seus propios marcapáxinas e chapas de diferentes cores e formas.
A partir das 18:30 horas haberá contacontos para os máis pequenos. A Biblioteca municipal tamén participa neste acto coa realización da actividade Contacontos con Lepi. A esa mesma hora comezará o espectáculo/obradoiro Titerehop, dirixido aos mozos/as de 13 a 17 anos, e que está centrado na cultura hip-hop. Este obradoiro estará dirixido polo rapeiro García do grupo Dios Ke Te Crew. Ademais a compañía de monicreques Viravolta desenvolverá un obradoiro de expresión plástica. Os rapaces e rapazas poderán crear rimas, monicreques e facer diversas gravacións. Unha vez rematado o obradoiro os participantes porán en escena as creacións realizadas en ambos os dous obradoiros.