[27-07-2017] O Concello de Ames organizou este xoves, 26 de xullo, un acto no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para conmemorar o Día Nacional de Galicia. Neste acto interviñeron rapaces e rapazas dos IES de Ames e do Milladoiro, que leron textos de poetas galegos, dous veciños amesáns e concelleiros/as dos diferentes grupos políticos municipais. A música correu a cargo do gaiteiro e multinstrumentalista Suso Vaamonde. O alcalde, José Miñones, pechou o acto coa lectura da declaración institucional do Día de Galicia.
Lectura do manifesto institucional
A continuación, Suso Vaamonde volveu pór o toque musical ao acto con outra peza. A conmemoración proseguiu coa lectura do manifesto institucional por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e rematou co himno de Galicia, que foi interpretado á gaita por Suso Vaamonde, co acompañamento das voces de todas as persoas presentes, e coa solta de globos brancos e azuis, as cores da bandeira galega.
Miñones comezou dando lectura a un poema da poeta de Ames Filomena Fraga. O rexedor destacou que “Galicia séntese, quérese e presúmese dela, e nun día coma o 25 de xullo, o Día Nacional de Galicia, temos que celebrar desde a unidade a nosa festa, e traballar conxuntamente para defender todo aquelo que nos une como pobo co compromiso de antepoñer as necesidades das persoas, dos galegos e das galegas que viven na nosa terra ou que, por diversas razóns, tiveron que emigrar. Debemos de buscar espazos comúns de entendemento e traballo, sen esquecer que como pobo temos unha identidade propia, tal e como se recolle no noso Estatuto de Autonomía e na Constitución Española, e que desde esa identidade debemos de loitar para acadar unha Galicia mellor, e polo tanto un Ames mellor”. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, podes obter este manifesto.
Servizo de linguaxe de signos
Cómpre destacar, que por primeira vez, neste acto contouse con dúas profesionais da Federación de Asociacións de persoas xordas de Galicia que ofreceron o servizo de interpretación de linguaxe de signos. Dende o goberno municipal solicitóuselle a dita Federación este servizo que se prestou co obxectivo de facilitar a asistencia das persoas xordas a este tipo de eventos institucionais.
A conmemoración do Día Nacional de Galicia comezou coa interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia por parte do gaiteiro e multinstrumentalista Suso Vaamonde. De seguido, seis rapaces e rapazas dos IES de Ames e do Milladoiro leron varios textos de autores galegos. Brais Becerra Lameiro leu A Fala de Manuel María; Paula Pérez Cantelar púxolle voz ao poema Deitado fronte ao mar de Celso Emilio Ferreiro; Cristina Boo Sanz leu Anxo con patíns brancos na praza de O Grove de Luz Pozo Garza; Marta García Brum relatou o poema Herbosa de Olga Novo; Gabriel Crespo Bris leu Letania de Galicia de Uxio Noveneira; e Xián Ardións Liñares leu un texto de Edurado Pondal.
Suso Vaamonde volveu poñer o toque musical interpretando un novo tema acompañado da súa zanfona. Posteriormente deuse paso paso a intervención de dous veciños de Ames (Tino Seoane e José Luis) que falaron de Galicia e do exilio, e da lingua galega. Os concelleiros/as da corporación municipal (Isabel Vaquero do BNG, María Fernández de Pacto por Ames, Genma Otero de Contigo Pódese, Pilar Candocia e Quique Costas de Ames Novo, Blas García do PSdeG, e Oliva Agra do Partido Popular) tamén interviñeron neste acto institucional. O único que non interveu foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que non puido asistir.










