Pestanas principais

Ames conmemora o Día das Letras Galegas cun acto literario-musical na Casa da Cultura do Milladoiro

Martes, 17 de maio de 2011

[17-05-2011] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle esta tarde o acto de celebración do Día das Letras Galegas. O evento comezará coa actuación dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e continuará coa entrega dos premios do VIII Certame Literario, do III Certame Intercentros e do I Certame de Teatro Radiofónico Lido. Este é só un dos actos programados para festexar as Letras Galegas no municipio amiense. A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este mércores 18 de maio a representación da obra teatral "Pelos na lingua", da compañía Talía Teatro. O elenco da peza está composto por Toño Casais, María Ordóñez e Artur Trillo e está dirixida por Avelino González.

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas o Concello de Ames organizou diversas actividades para homenaxear as nosas letras e a Lois Pereiro. Os actos comezaron a semana pasada co contacontos Lois Pereiro na voz da xente e coa representación na Casa da Cultura de Bertamiráns da obra de teatro Pelos na lingua a cargo da compañía Talía Teatro.

Os actos continúan esta tarde cun acto literario-musical, no que actuará a Escola Municipal de Música de Ames e se fará entrega dos premios do VIII Certame Literario, do III Certame Intercentros Concello de Ames e do primeiro concurso radiofónico de teatro lido. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 18:00 horas.

A programación continuará este mércores 18 de maio na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 21:00 horas, coa representación da obra de teatro Pelos na lingua da compañía Talía Teatro. Esta peza de teatro xa se representou o día 12 na Casa da Cultura de Bertamiráns a mesma hora. Esta obra pódese catalogar como a segunda parte de "Bicos con Lingua", un espectáculo estruturado en sketch que nos fala dos usos e abusos que sofre a lingua galega. Avelino González volve a dirixir este montaxe no que participan distintos autores e que interpretan Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez.

Segundo a propia compañía, é un espectáculo áxil, dinámico e fresco que invita a reflexión da situación conflitiva do idioma nestes momentos, pero sen esquecer o humor e a ironía. A peza ten unha duración de 55 minutos e está dirixida a todos os públicos. Ademais conta cun escenario sublime e sinxelo no que representan a historia co obxectivo de que o público tome conciencia da situación actual da lingua galega.

Por último, as Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen ata o día 20 de maio unha exposición sobre Lois Pereiro cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística na que se realiza un percorrido pola vida e obra do homenaxeado.