Pestanas principais

Ames conmemora o 25N cunha campaña propia a base de bandeirolas, vinilos e máscaras contra as violencias

Sábado, 14 de novembro de 2020

A campaña “Ames corta co machismo”, artellada desde o propio departamento de Benestar Social a base vinilos, bandeirolas e máscaras que reflicten mensaxes e frases alusivas a comportamentos machistas, ademais da proxección de dúas películas no marco do Autocine “Ames Drive Cinema”, súmanse este ano, como novidades, ás xa tradicionais Xornadas Acércate á Igualdade e Ames en Negro coas que o Concello conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As actividades rematarán co acto institucional que se desenvolverá o propio día 25 de novembro na praza do Concello, no que se lerá o manifesto institucional, crearase un lazo lila e repartiranse camisetas e máscaras.

 “Este é un ano especial e non podemos esquecer que os problemas coa COVID19 non mitigaron o drama que viven moitas mulleres, senón todo o contrario, incrementouse porque moitas mulleres tiveron que convivir cos seus agresores 24 horas ao día, e viron como minguaban e incluso desaparecían os seus xa escasos recursos e como aumentaba a súa vulnerabilidade. Por iso, nesta ocasión quixemos dar un paso máis e engadimos as accións que xa viñamos desenvolvendo dende o departamento de Igualdade unha campaña propia, na que se puidesen ver reflectidas moitas das condutas que nos impiden avanzar cara esa desexada igualdade real”, explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo.

A concelleira engade “considero que Ames ten a suficiente entidade como para liderar a súa propia campaña e poñer o seu gran de area nesta loita. É algo o que xa levábamos tempo dándolle voltas e agora creemos que é o momento axeitado. Ademais dado o momento que estamos a vivir, e no que non se pode acceder a moitos servizos, nin podemos ter ese contacto que nos da a presencialidade, pensamos que hai que que reinventarse e pensamos que era importante ofrecer unha alternativa de ocio familiar que puidese convidar á reflexión e incluso , por que non? ao debate no seo da familia sobre estes comportamentos que queremos erradicar”.

“Deste xeito, xurde a actividade de AUTOCINE, con títulos con perspectiva de xénero. Queríamos este ano ir máis aló, non quedar nas acción típicas, por iso demos estes pequenos pasos que espero teñan boa acollida entre os nosos veciños e veciñas ", deste xeito se manifesta a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo con respecto á ampla axenda de actos e actividades que este ano ofrece o seu departamento para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, entre os que destacan a campaña “Ames contra o machismo” e o Autocine, creados desde o propio departamento de Igualdade.

Por último, Luísa Feijóo, engade “cómpre destacar a implicación na organización de dita campaña do persoal do CIM de Ames (da psicóloga Mónica Antelo e da educadora familiar Soraya Añón), que participaron activamente no desenvolvemento desta campaña, xunto ca deseñadora gráfica, Mónica Fernández, como creativa e a persoa que plasmou o que queríamos transmitir”.

Campaña “Ames corta co machismo”
Unha das novidades importantes deste ano é pois a campaña “Ames corta co machismo”. Desenvolvida integramente polo departamento de Benestar Social e Igualdade e plasmada pola deseñadora gráfica, Mónica Fernández, a campaña ten como obxectivo inzar o Concello de frases alusivas a comportamentos machistas e mensaxes que indican normas axeitadas e boas prácticas de comportamento equitativo “invitando a plantarlle cara”, matiza a concelleira. Sete tipos de máscaras poderán levar os amesáns e amesás que queiran unirse á campaña e dez vinilos distintos veremos nos escaparates dos comercios, á vez que o Concello encherase de de bandeirolas coas mesmas mensaxes.

“Non calo non”, “Caladiña non estou máis guapa”, “No estou tola, teño criterio”, “Na cociña tamén estás ben ti”, “Fago o que desexo” son as frases reivindicativas impresas nas máscaras.

Nos vinilos e bandeirolas as mensaxes din cousas como: “O teu amigo pásase cunha rapaza estando de festa”, “Colegas pasan fotos íntimas de compañeiras”, “Escoitas comentarios machistas”, O teu compañeiro failles mansplainig ás colegas de traballo”, “A túa empresa non promociona ás mulleres”, “Estás en grupos de WhatsApp no que se comparten vídeos, imaxes ou chistes degradantes para as mulleres”, “Vas a cursos de formación nos que só hai relatores homes” “Escoitas comentarios de índoles sexual sobre compañeiras infravalorándoas polo seu xénero”, “Maltrata a súa parella, ti sabelo ben”, “Critican as túas compañeiras pola súa forma de vestir, comportarse ou relacionarse cos rapaces”. Todas estas mensaxes rematan sempre con “E ti non dis nada” e o lema da campaña “Corta co machismo”.

As bandeirolas serán colocadas por todo o territorio municipal, as máscaras repartiranse o 25N na praza do Concello no transcurso do acto institucional ao igual que as camisetas lilas. “O obxectivo é formar un gran lazo contra ás violencias na praza do Concello. Os comerciantes disporán dos vinilos para poñer nos seus escaparates”, matiza Luísa Feijóo.

Asemade, a concellaría de Igualdade suxire a todos os comerciantes que conserven materiais da campaña Ames en Negro, desenvolvida nos últimos anos, e que tamén lanzaba mensaxes a base de frases como “Ames en Negro” e “Contra a violencia”, os saquen e os volvan a colocar en lugares visibles dos seus establecementos.

Autocine
Outra das novidades no programa de actos de conmemoración do Día contra a Violencia de Xénero son as dúas sesións de autocine programadas para o sábado 21 de novembro. Proxectaranse as películas Brave, na sesión de tarde,para un público infantil e, en sesión de noite: “Los hombres que no amaban a las mujeres”, dirixida ao público adulto. Para poder participar desta actividade, que é totalmente de balde, haberá que inscribirse na plataforma de EMESPORTS.  

Xornadas Acércate á Igualdade
As Xornadas “Acércate á Igualdade” que se desenvolven ao abeiro da conmemoración do 25N acadan este ano a súa décima edición. Nesta ocasión , e por mor das restricións que dita a loita contra a pandemia, desenvolveranse online. O obxectivo destes encontros é o de crear un foro de aprendizaxe e intercambio no que a través de distintas actividades se analicen condutas sociais e se dean a coñecer ferramentas para loitar a prol da igualdade e o empoderamento das mulleres.

Están programados tres obradoiros. As xornadas inauguraranse o martes 17 de novembro coa sesión "Quererse para querer: construíndo relacións saudables", que impartirá Carol Herrera. O mércores 18 ofrecerase o obradoiro:"Cara onde vou?, claves para mellorar a empregabilidade", que impartira Laura Costoya e o xoves 1. O encontro "Coeducación desde a infancia" que dirixirá Aixa Permuy pechará o programa o xoves 19. As tres sesións realizaranse vía online de 19.00 a 20.30 horas. Para participar é imprescindible inscribirse previamente a través de https://acercateaigualdade.com

As actividades conmemorativas do 25N en Ames culminarán co acto institucional que se desenvolverá na praza do Concello o propio 25 de novembro. Está prevista a lectura dun manifesto institucional, a creación dun gran lazo lila e o reparto de máscaras e camisetas. O acto rematará cun concerto de batukada de mulleres a cargo do grupo batukada de mulleres “Trópico de grelos”.

Presentación da campaña 25N

Multimedia

  • Presentación da campaña 25N
  • Presentación da campaña 25N.