Pestanas principais

Ames conmemora este luns o Día da Muller cunha concentración cidadá e a lectura dun manifesto ante a Casa do Concello

Sábado, 07 de marzo de 2015

[07-03-2015] Ames conmemora o Día Internacional da Muller coa lectura dun manifesto no que participarán todas as agrupacións políticas e as asociacións locais. Terá lugar este luns ante as dependencias municipais, que xa dende o pasado xoves locen un gran lazo morado para celebrar esta efeméride. O Concello de Ames fai un chamamento á participación cidadá para acudir ao acto que comezará ás 14:00 horas, no que se espera a asistencia de todos os grupos municipais.

O manifesto, que lembra a Declaración de Beijing de 1995, expresa a firme decisión do Concello “por reforzar actuacións e colaborar coas institucións públicas de cara a promover a igualdade real entre homes e mulleres”. Así mesmo consideran “necesario” potenciar a participación das mulleres en todos os ámbitos da vida política, económica e social, promovendo a cooperación entre os gobernos locais e compartir experiencias en materia de igualdade.  

“As políticas activas de emprego destinadas ás mulleres e as actuacións que fomenten a conciliación e a corresponsabilidade resultan fundamentais”, engade o manifesto. A brecha de xénero persiste como síntoma da desigualdade e a violencia contra as mulleres continúa sendo unha “eiva a erradicar”, son outras mensaxes relevantes do texto que se lerá mañá de xeito compartido.