[11-02-2017] Un ano máis os índices de poboación de Ames continúan subindo e o municipio amesán comeza este 2017 con 31.173 habitantes censados (14.999 homes e 16.174 mulleres), tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal a día de hoxe. A comezos de 2016 Ames contaba con 30.764 habitantes, o que implica que en doce meses sumou 409 persoas máis no seu censo. Deste xeito, pódese dicir que se incorporou máis dunha persoa ao día no censo municipal. Ademais, hai que destacar que ao longo de 2016 houbo 351 nacementos.
O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se consolida como un municipio con máis de 30.000 veciños/as. Segundo os datos que manexa o departamento do padrón municipal a comezos de 2017 hai censados en Ames 31.173 habitantes, dos que unha gran maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello. Así, na franxa de 0 a 15 anos hai actualmente 5.950 persoas censadas; de 16 a 30 anos son 4.476 os habitantes censados; de 31 a 60 anos hai 16.180; e de máis de 60 anos están rexistradas 4.567 persoas.
Deste xeito, o municipio amesán segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente. Ademais, Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo. Durante o 2016 houbo 351 nacementos e 150 defuncións, polo que se rexistrou case un nacemento por día.
O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “o dato de nacementos segue a aumentar de forma progresiva nestes últimos anos superando os 344 de 2015, os 346 de 2014, e os 317 do 2013. Para o Concello estes números tan positivos son o resultado das políticas de conciliación que queremos potenciar e o feito de que en Ames se conte cuns servizos de calidade”.
En Bertamirás e no Milladoiro residen 21.368 habitantes, que representa o 68% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 12.769 habitantes censados (41% da poboación). Mentres que en Bertamiráns están censados 8.599 persoas (27% da poboación). Os 9.805 habitantes (32% da poboación) restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Esta poboación repartese do seguinte xeito: en Agrón residen 391 persoas; na Ameixenda 334; na parroquia de Ames 1.559; en Biduído 1.663; en Bugallido 1.523; en Covas 971; en Lens 94; en Ortoño 2.551; en Pilñeiro 239; Tapia 122; e en Trasmonte 358.
Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen tres puntos e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 14.999 homes, que representa o 48,12% da poboación, mentres que elas son 16.174 e representan o 51,88%.
O rexedor municipal explica que “debido ás características da poboación de Ames, que é eminentemente xoven, temos que seguir apostando polos servizos municipais que se están ofrecrndo e incluso reforzar os programa de conciliación da vida familiar e laboral, como así estamos facendo coa posta en marcha do Entroido Lúdico e coa posta en marcha de programas de promoción de hábitos saudables e deportivos como é o caso do programa Ames saudable”.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres).
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames crece imparable y estrena el año con más de 31.100 habitantes"
La Voz de Galicia: "Ames, Teo y Oroso, únicos concellos en los que nace más gente de la que fallece"




