[03-03-2014] O Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio poden acoller durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís que viven nunha situación complexa nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria. Ames colabora na terceira edición da cea solidaria en apoio ao programa Vacacións en Paz, que se desenvolverá o próximo día 15 de marzo, ás 21:30 horas, no restaurante Paz Nogueira, que está situado en Santiago de Compostela. Para asistir á cea pódese contactar con Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45.
Os fondos recadados a través desta iniciativa destinaranse integramente ao financiamento dos billetes de avión dos nenos/as saharauís que veñen a Galicia da man do Programa Vacacións en Paz. Deste xeito inténtase que veñan a Galicia o maior número posible de rapaces e rapazas do Sáhara.
O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e volverá a sufragar os billetes de avión (ida e volta) de varios nenos/as saharauís para que poidan pasar os meses de verán con familias amienses. O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.
Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.
A colaboración e a achega económica que realizan os concellos é moi importante, pero ademais a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pretende recadar a maior cantidade posible de diñeiro nesta cea co obxectivo de que sexan moitos os nenos e nenas que poidan vir a Galicia durante este verán e pasar unhas vacacións en paz.





