Pestanas principais

Ames colabora cunha investigación que analiza o uso da telefonía móbil para ofrecer terapia a mulleres en risco de exclusión

Sábado, 09 de xullo de 2016

[09-07-2016] Os Servizos Sociais do Concello de Ames están a colaborar, a través da Xunta de Galicia, cunha investigación pos-doutoral que estuda a eficacia da telefonía móbil á hora de axudar a mulleres en risco de exclusión. A coñecida como “texting therapy” foi empregada xa en investigacións en Estados Unidos. Agora un grupo de investigadores da USC, da Universidade de Coimbra e da Universidade de California-Berkeley queren trasladalo á comarca compostelá.

O grupo de investigación considera que os teléfonos móbiles poden ser unha gran ferramenta en terapias psicosociais. Na súa investigación céntranse nun colectivo de risco en temas de saúde mental e de padecer depresión: as mulleres en situacións de vulnerabilidade que ademais levan longas tempadas no paro. Solicitouse axuda á Xunta de Galicia para contactar con mulleres con este perfil para pedirlles a súa axuda e colaboración coa investigación. Á súa vez a administración autonómica púxose en contacto con Concellos da área de Santiago de Compostela, Ames entre eles, para que os seus Servizos Sociais achegasen información e contactos de mulleres dispostas a participar. Participarán entre 30 ou 50 mulleres.

O proxecto comezou o pasado mes de xuño e continuará ao longo de xullo. O primeiro mes foi adicado á planificación e organización dos grupos participantes. O Servizos Sociais puxéronse en contacto coas mulleres, ás que lles explicaron o proxecto. Xa no mes de xullo parte das participantes comezarán a súa terapia por telefonía móbil, recibindo mensaxes de texto pautadas ao longo do día. Os resultados e os datos obtidos desta investigación serán, ademais de publicados, facilitados aos Concellos que as puxeron en contacto co equipo de traballo.

A cargo deste proxecto está a doutora Mª Yolanda García, investigadora pos-doutotoral da Xunta de Galicia na USC e na Universidade de California-Berkeley. Con ela traballan o doutor Carlos Ferrás, profesor de Historia na universidade compostelá, o doutor Adrián Aguileira, profesor de Psicoloxía Clínica en Berkeley e o doutor Álvaro Rocha, profesor de Enxeñería Informática en Coimbra. O equipo aplicará os estudos levados a cabo en Berkeley no campo da terapia psicosocial realizada a través de telefonía móbil en Galicia.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Una terapia con móviles para mujeres en riesgo de exclusión social en Ames"