[21-03-2019] Co gallo do Día Mundial da síndrome de Down, que se conmemora hoxe 21 de marzo, o Concello de Ames colabora coa Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) na posta en marcha da campaña Tan diferentes como iguais. O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ás persoas con este síndrome ou con calquera tipo de discapacidade intelectual, ao tempo que busca poñer en valor o concepto de diferenza, poñendo o aceno en que todas as persoas son distintas entre elas e, á vez, parecidas. Ao abeiro desta campaña, as Concellarías de Servizos Sociais e Educación de Ames procederon ao reparto de pulseiras e carteis conmemorativos nos colexios, na asociación Arcea-Adames e entre a veciñanza; así como a difusión do Protocolo de Atención Educativa do alumnado con síndrome de Down e unha guía de estilo para o uso de linguaxe inclusiva.
Asemade, durante esta semana David Santomil, concelleiro de Educación e Cultura, realizou visitas a diversos centros educativos de Ames para facerlle entrega ao profesorado do material desta campaña de sensibilización. Por outra banda, Luísa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade visitou ao longo desta mañá ás e aos integrantes da asociación de persoas con discapacidade Arcea-Adames para entregarlles o mesmo material. Con estas accións, o Concello de Ames quere normalizar a situación das persoas que teñen algún tipo de discapacidade, para o que é necesario que a sociedade traballe en pos da eliminación das barreiras que dificultan a súa vida diaria ata alcanzar un ambiente libre de calquera tipo de barreira, o que favorecerá a desaparición de moitas das actuais limitacións.
O síndrome de Down: mitos, realidades e linguaxe inclusivo
Entre os mitos máis estendidos con respecto ao síndrome de Down está o da posibilidade dunha cura, pero é importante sinalar a orixe desta condición, que non é unha enfermidade senón unha variación xenética producida pola presenza dun cromosoma extra no par 21, polo que non se pode curar. Asemade, moita xente fala de graos dentro deste síndrome, pero a realidade é que non existe gradación posto que ou se ten ou non se ten, non existe un termo medio. Ademais, a esperanza de vida para unha persoa con Down está ao redor dos 65 anos.
No tocante ao comportamento, as persoas con trisomía 21, ao igual que calquera outro individuo, poden presentar varios tipos de carácter ou actuar dependendo do estado de ánimo no que se atopen porque a capacidade intelectual non está en absoluto ligada a unha determinada forma de actuar. Por tanto, a síndrome de Down é unha característica máis das persoas que, como todas, presentan unha personalidade, afeccións, ilusións e proxectos propios, que son os que verdadeiramente os definen, sendo a súa discapacidade unha característica máis.
Neste mesmo senso, é falso que non sexan capaces de alcanzar “os obxectivos normais da vida”, posto que coa educación e o apoio axeitado son quen de desenvolver unha vida plena como persoas adultas. As circunstancias de calquera persoa, con independencia de que presente discapacidade intelectual ou non, son as que facilitan ou entorpecen a posibilidade de que alcance a plenitude na súa vida.
Por outra banda, a linguaxe ten a capacidade de crear realidades, erixir ou derrubar barreiras e transmitir tanto aspectos positivos como negativas. Por este motivo, convertese en esencial para todas as persoas que a sociedade adquira unha linguaxe inclusiva capaz de incluír a todos e todas. Por iso, débese evitar xeneralizar cando se queira falar da discapacidade ou a situación dunha persoa e poñen a énfase só nesa persoa. Non usar termos negativos como “sufrir”, “padecer”, “pacientes”, “minusvalía” e evitar eufemismos cando se fala de xente que ten esta síndrome: usar “a discapacidade” e falar de persoas “que teñen síndrome de Down” ou “con discapacidade intelectual”.
Tamén debe deixar de utilizarse a palabra “normal” para describir ás persoas sen discapacidade e poñer o aceno só nas persoas con discapacidade que teñen éxito como algo fora do común. Asemade, é importante evitar caer na condescendencia ao falar con ou de persoas con discapacidade intelectual, ou tratalos/as como nenos e nenas, posto que perpetúa un estereotipo errado: o coeficiente intelectual e a madurez non teñen nada que ver.


En novembro de 2011, Nacións Unidas declarou o 21 de marzo como o Día Mundial da síndrome de Down en referencia a alteracion xenética que a provoca. Así, das 23 parellas de cromosomas que temos os seres humanos, as persoas que presentan síndrome de Down teñen tres cromosomas en lugar de dous na parella 21, o que se traduce en alteracións de tipo morfolóxico, bioquímico e funcional en diversos órganos, especialmente no cerebro, durante distintas etapas da vida. Sen embargo, durante moitos anos xurdiron numerosos mitos con respecto a calquera discapacidade intelectual, que supuxeron importantes barreiras para a inclusión das persoas que as manifestan.
Así, co gallo do Día Mundial da síndrome de Down, o Concello de Ames colabora con Down Galicia na posta en marcha na campaña Tan diferentes como iguais, a través da que se busca ofrecer información sobre o síndrome de Down e romper falsos mitos. O obxectivo desta campaña é darlle visibilidade ás persoas que presentan calquera tipo de discapacidade intelectual, sensibilizar á sociedade para que se aproxime con naturalidade a estas persoas ao tempo que comprenden as súas dificultades e esforzos, e favorecer a súa inclusión educativa e social en todos os ámbitos.
A través desta iniciativa tamén se busca poñer en valor o concepto de diferenza ao por o aceno en que o “normal” non existe, xa que toda persoa é diferente a calquera outra, e é esta variedade a que fai posible que a sociedade se enriqueza. Por tanto, ao abeiro desta campaña, as Concellarías de Educación e Servizos Sociais e Igualdade repartiron carteis e pulseiras conmemorativas nos centros educativos e na sede da asociación de Arcea Adames, así como na Casa do Concello para a veciñanza que queira mostrar o seu apoio. Tamén se difundiu entre a directiva dos centros educativos un Protocolo de Atención Educativa do alumnado con síndrome de Down e/ou discapacidade profesional publicado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional; así como unha pequena guía de estilo elaborada por Down Galicia destinada a impulsar o uso dunha linguaxe non discriminatoria que axude a eliminar os prexuízos e os estereotipos vencellados ao mundo da discapacidade.




