Pestanas principais

Ames co Día Mundial da Alimentación

Venres, 16 de outubro de 2020

Cultivar, nutrir, preservar. XUNT@S é o lema co que se conmemora este ano o Día Mundial da Alimentación. Desde o departamento de Benestar Social, o concello de Ames lembra á cidadanía a necesidade de traballar tanto individualmente como en comunidade para conseguir que a alimentación sostible e saudable chegue a todos e a todas. Programas como "Comparte do teu", "Hortas Urbanas", ou  "Cestas Saudables" ,  comparten esta filosofía que tamén se aplica nos comedores escolares e no Banco Municipal de Alimentos.

O concello de Ames leva tempo traballando a prol desta premisa. Nos comedores escolares e nos servizos de conciliación de Tardes Divertidas e Bos Días Cole sérvense produtos de proximidade que se adquiren a establecementos e produtores da contorna; o recentemente creado programa "Comparte o teu" busca que os excedentes de produción dos agricultores da bisbarra non se estraguen e sirvan para axudar ás familias menos favorecidas; as Hortas Urbanas plántanse seguindo criterios de cultivo sostible e o departamento de Benestar Social, a través do programa Ames Saudable e da nutricionista municipal leva anos inculcando boas prácticas de alimentación.

 Para a concelleira Luísa Feijóo, a data de hoxe supón un bo pretexto para a reflexión e para concienciarnos no cumprimento dos ODS da  Axenda 2030: " Ames é un Concello de suficiente entidade como para liderar proxectos de esta envergadura, nos que xa se está a traballar e so nos falta albergalos baixo o paraaugas común do cumprimento dos Obxectivos de Desnvolvemento Sostible da Axenda 2030".

 A celebración do día Mundial da Alimentación que promove a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación ten como obxectivo diminuír a fame no mundo. Esta meta coincide co ODS 2 da Axenda 2030. Neste senso, faise un chamamento mundial a solidariedade para conseguir que os alimentos saudables cheguen a todos e a todas.

 O día mundial da alimentación tamén rende homenaxe este ano aos heroes da alimentación que plantan, cultivan, pescan e transportan os alimentos dos que logo todos e todas nos beneficiamos.

Cartaz comparte do teu

Multimedia

  • Cestas saudables