Pestanas principais

Ames celebrou o Día de Rosalía cunha gala poética-musical na que se ensalzou o legado da poeta galega

Luns, 25 de febreiro de 2019

[25-02-2019] O Concello de Ames organizou este domingo, 24 de febreiro, un acto en homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 182 aniversario do seu nacemento. Durante a gala, celebrada no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, parte do alumnado dos centros educativos de Ames e veciños/as do concello realizaron diversos recitados de poesía, actuacións e videocreacións que xiraron ao redor da obra desta poetisa profundamente ligada ao concello. Ao final do acto, que contou coa actuación de Rosa Cedrón, os e as asistentes recibiron de agasallo un libro do certame literario amesá e unha rosa.


Asemade, durante o acto, emitiuse o programa radiofónico do alumnado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, un peza de cinco minutos elaborada con motivo do día de Rosalía ao abeiro do proxecto Radio Barouta.

Unha serie de lectores especiais
Trala intervención dos/as estudantes amesás, Nazaret López foi dando paso ás diferentes intervencións de veciños e veciñas de Ames, que realizaron as últimas lecturas da gala. Daniel Vilaverde, actor, activista e impulsor de Poetarras, cantou o poema Adiós ríos, adiós fontes, ao que seguiu a escritora e profesora Anna R. Figueiredo co poema A xustiza pola man. A continuación, subiron ao escenario Xián Ardións para ler Castellanos de Castilla e Luz Santos, presidenta da ANPA do CEP de Ventín, para ler Máis ve que o meu corazón. Seguíronos o cronista de Ames, Maximino Viaño, que deu lectura a un traballo de auditoría propia sobre a presenza de Ames na obra rosaliana, e o actor e músico Josito Porto, que leu o poema Xan despois de reivindicar a protección de todas as esferas da cultura galega.

O final da gala, ao igual que o comezo, marcouno a actuación da artista Rosa Cedrón. Durante os últimos minutos, a cantante interpretou varias das pezas máis intimistas da súa carreira en solitario, algunhas das cales se apoian en letras rosalianas.


Rosa Cedrón, unha das voces máis coñecidas e queridas do panorama musical galego, foi a encargada de iniciar o acto organizado este domingo polo Concello de Ames para conmemorar o Día de Rosalía. A continuación, a xornalista de Ames Radio Nazaret López, encargada de conducir o evento, deu paso á concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, que adicou unhas palabras á necesidade de preservar todo aquelo polo que Rosalía loitou a través da súa obra, para rematar coa lectura dun breve fragmento de Limiar, poema recollido na obra “Follas Novas”.

A continuación, foi a quenda de María López Sandez, escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro que, durante o acto, quixo aclarar algunhas das informacións que chegaron ata os nosos días sobre o nacemento da poetisa e a figura de súa nai, María Teresa de la Cruz Castro y Abadía, apoiándose en datos recollidos nos censos de Padrón e Iria Flavia.

A presenza de Rosalía nos centros escolares
Os centros escolares de Ames tiveron unha presenza importante no devandito acto. Así, fóronse alternando a lectura de poemas rosalianos coa proxección de vídeos feitos polo alumnado e o profesorado dos centros de ensino de Ames. Proxectáronse a serie de vídeo poemas Versos que atravesan paredes, elaborados polo alumnado de 3º da ESO do IES de Bertamiráns coordinador polo poeta e profesor Carlos Negro. Posteriormente, foi a quenda dos alumnos e alumnas dos colexios de Ventín, Agro do Muíño, e do IES do Milladoiro que recitaron e musicaron varios poemas rosalianos.

O EEI do Milladoiro e o CEIP A Maía elaboraron dous vídeos nos que deron conta do traballo feito nestes centros con motivo do Día de Rosalía. Así, a través de dúas pezas audiovisuais, ambos centros mostraron e explicaron en que consistiron as iniciativasRosalía tamén vive aquí” eRosalía na terriña”. Ao abeiro da primeira as cativas e cativos de expuxeron carteis con poemas nos portais das súas vivendas para que os/as veciños/as puidesen deleitarse coa súa lectura ao pasar, mentres que a segunda consistiu na colocación de laxas con versos da obra rosaliana en distintas zonas verdes de Bertamiráns e do Milladoiro, gozasen dun pequeno petisco da obra desta autora.