Pestanas principais

Ames celebrará o Nadal con preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos

Luns, 03 de decembro de 2012

[03-12-2012] O Concello de Ames preparou un completo programa de Nadal con actividades pensadas para toda a familia, desde os máis pequenos da casa ata os maiores. A programación deste 2012, deseñada pola Concellería de Cultura e Medio Ambiente, conta con preto de 40 actividades moi diversas para todos os públicos. Cine, obradoiros, música, deporte, a chegada dos Reis Magos de Oriente e moita maxia acompañarán aos amienses durante este Nadal 2012.

O programa, que se presentará máis polo miúdo nos próximos dias, comezará o próximo venres 14 de decembro co acendido da iluminación de Nadal e rematará en xaneiro coa cabalgata dos Reis Magos de Oriente. As actividades desenvolveranse coma sempre tanto en Milladoiro coma en Bertamiráns e farán as delicias de todos os membros da familia. Ademais de actividades culturais, a Concellería de Promoción Económica tamén preparou un conxunto de iniciativas destinadas a impulsar o comercio local a través da ilusión, que pretenden favorecer o consumo dos fogares e que doten ao comercio dunha campaña común que favoreza a ilusión dos nenos/as por estas festas.

O Nadal en Ames tamén será solidario, xa que, un ano mais, a Oficina do Voluntariado do Concello de Ames puxo en marcha a campaña de recollida de xoguetes. As persoas que desexen facer unha doazón poderán achegarse ata o 2 de xaneiro ás casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas (de luns a venres). Finalizado o prazo de entrega, a Oficina Municipal do Voluntariado será a encargada de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces e rapazas poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día de Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.

Actividades para toda a familia
Co obxectivo de celebrar un Nadal único, o Concello deseñou un amplo programa de actividades no que hai ofertas pensadas para todos os membros da familia. Todo comezará o vindeiro venres, 14 de decembro, co acendido da iluminación de Nadal nun acto que se celebrara as 18.00 horas na Casa do Concello. Entre as actividades programadas para esa tarde destaca unha actuación dos nenos e nenas da Escola Municipal de Musica de Ames (EMMA). Ademais, procederase á entrega dos premios do Roteiro dos Petiscos e da Festa das Compras de Bertamiráns. Durante o acendido das luces do Nadal servirase chocolate con churros. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderán as luces será unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. 

Do 13 ao 16 de decembro, celebrarase o Festival de Maxia que un ano máis achegará á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Este ano, ademais dos festivais en Bertamiráns e Milladoiro e as carpas que estarán instaladas nas prazas, levarase a cabo, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica, o programa Maxia de Preto, no que se desenvolverán unha serie de pequenas actuacións e xogos de maxia en algúns establecementos hostaleiros de Bertamiráns e do Milladoiro.

Para este Nadal tamén se programaron diferentes obradoiros e actividades musicais para todos os públicos, como por exemplo, o Festival de Nadal de Corais ou actuacións de grupos como Mama Cabra. Outra das apostas do Concello de Ames para estas datas será o cine, xa que se proxectarán películas de éxito, que farán as delicias de pequenos e maiores. A todas estas actividades sumase o tradicional concurso de cartas aos Reis Magos e un baile para os maiores.

Ilusión nas compras
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, deseñou para este Nadal 2012 unha completa campaña de promoción e dinamización do comercio co obxectivo de atraer público e incentivar as compras no tecido empresarial do municipio. Consciente da grande importancia das ventas que se realizan durante o Nadal, o Concello modificou e ampliou as accións que se viñan desenvolvendo en anos anteriores. Así o Concurso de Escaparates, o servizo gratuíto de Ludotecas e o Alumeado mantéñense, con algunha pequena variación, igual que nas campañas doutros anos.

A estas actividades engádese unha Exposición de Ilusións Ópticas, que poderá contemplarse entre o 17 e o 23 de decembro en Bertamiráns e do 26 de decembro no Milladoiro ao 4 de xaneiro, e a iniciativa Ilusións nos Escaparates, mediante a que se porá a disposición do empresariado que o solicite un mago para que instale unha ilusión óptica (relacionada coa exposición) no escaparate do seu establecemento.

Xoguetes e ludoteca
Ademais das actividades descritas o Concello de Ames preparou unha Campaña de recollida de xoguetes, con puntos de recollida na Casa da Cultura de Bertamiráns e no Milladoiro ata o 2 de xaneiro. 

É de interese para os pais con fillos entre os 2 e 12 anos de idade saber que contarán cun servizo de ludoteca os días 14, 21 e 28 de decembro (das 16.30 as 20.30 horas) e o 5 de xaneiro dende as 11.00 horas ás 14.00 horas nos Centros de ocio Educalia en Bertamiráns e O Bosque Animado no Milladoiro.