Pestanas principais

Ames celebrará o Día da Muller cunha ruta urbana circular que pon en valor a varias mulleres relevantes, entre elas á escritora amesá Filomena Fraga

Venres, 05 de marzo de 2021

Esta mañá presentouse a “Ruta urbana 8M”, un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns no que se instalaron monólitos dedicados a mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga. A ruta constitúe a acción principal de “Ames en igualdade”, a campaña coa que o Concello de Ames conmemora este ano o 8 de marzo. Ademais, o propio Día  da Muller, ás 18:30 horas, cos espazos marcados e mantendo todas as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia, celebrarase o acto central do 8M na praza do Concello. Como adoita acontecer todos os anos, lerase o Manifesto Institucional. Após da lectura, a celebración continuará na praza da Maía, onde se descubrirá o monólito que se dedica á escritora e veciña de Ames, Filomena Fraga na ruta M8. Ademais, hoxe, 5 de marzo, proxectase o filme “María Soliña” nunha nova sesión de autocine no Milladoiro. Preme nestas ligazóns para descargar as fichas coa biografía das Mulleres Magníficas e mailas postais de 8M Mulleres Magníficas.

O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá o acto de presentación da ruta urbana circular 8M, que se enmarca na programación de actividades organizadas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. Na presentación participaron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo, a técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez, Mónica Antelo e Soraya Añón, representantes do CIM, Mónica Fernández de “Terteres”, deseñadora do proxecto e Cinthia Gómez de “Estampa" que se encargou da execución.

Ruta 8M
A ruta  8M constitúe un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión corta de aproximadamente cinco quilómetros e outra longa que se estende até 8 quilómetros. En cada unha das zonas verdes pola que discorre esta instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade. Preme nesta ligazón para descargar o mapa da Ruta urbana circular 8M.

As anarquistas e represaliadas Coralia e Maruxa, a impulsora do sufraxio feminino Clara Campoamor, a escritora e pioneira do feminismo en España, Concepción Arenal, as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras médicas licenciadas na USC, a escritora Emilia Pardo Bazán, Marcela e Elisa, as primeiras mulleres que casaron en España, a guerrilleira María Araujo, María Purificación Gómez, a única muller alcaldesa da II Republica, a pintora Maruja Mallo, Rosalía de Castro, a voz máis universal das nosas letras, xunto coa escritora amesá Filomena Fraga, son as 11 mulleres que destaca este roteiro M8.

O roteiro ampliarase ano a ano até enlazar Bertamiráns con Milladoiro
Para Luísa Feijóo este roteiro compón un acaido abano de mulleres representativas da loita pola igualdade: “A idea era colocar uns monólitos que perdurasen no tempo e que servisen para reivindicar que o 8 de marzo debe estar presente nas nosas vidas durante os 365 días do ano”. Feijóo anunciou ademais que a idea era ir ampliando a ruta e mesmo que servise para enlazar os dous núcleos máis importantes do Concello; Bertamiráns e Milladoiro.

Pola súa banda, Rosana Martínez, a técnica de Promoción da Saúde desvelou que a idea do roteiro partiu das rutas saudables que decotío fai o seu departamento a través do programa “Ames Saudable”: “Trazamos os percorridos combinando varias das rutas que facemos moitos xoves partindo do Centro de Saúde; buscamos ademais que os emprazamentos dos monólitos fosen lugares nos que as mulleres cando saímos a camiñar soas, especialmente pola noite, nos atoparamos seguras e tratamos ademais de que nos emprazamentos non houbese barreiras”. Martínez engadiu tamén que se fixeron dúas rutas “porque moitas mulleres de Ames están afeitas a camiñar e a primeira ruta podería facérselles curta, por iso propuxemos unha alternativa máis ampla e de aí a segunda ruta que chega até o colexio Agro do Muíño e alcanza case os dez quilómetros.

Proxección de María Solinha
“Ames en igualdade” é o lema elixido este ano pola Concellaría de Igualdade para englobar os actos que se desenvolvan co gallo do Día da Muller Traballadora. O primeiro deles terá lugar hoxe, 5 de marzo, coa estrea en Ames da película “María Solinha”, nunha sesión de autocine que se desenvolverá no aparcadoiro do Supercor, no Milladoido ás 19:30 horas. A película, dirixida polo ouresán Ignacio Villar, reconstrúe a historia da viúva canguesa María Soliña, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no 1621.

Celebración 8M
Cos lugares marcados, mantendo todas as distancias de seguridade e as medidas hixiénico sanitarias que impón a loita contra a pandemia, o acto central da conmemoración terá lugar o propio día 8 de marzo, ás 18:30 horas, na praza do Concello. Como adoita acontecer todos os anos, lerase o Manifesto. Após da lectura, a celebración trasladarase á praza da Maía onde terá lugar a presentación da ruta 8M e se descubrirá o monólito que se dedica á escritora e veciña de Ames Filomena Fraga.

Filomena Fraga
Autora de “A Cancela”, veciña de Agrón, poeta e labrega, activista na renovación educativa nos anos 80, “a muller labrega á que lle deu por escribir un libro”, como ela mesma se ten definido en múltiples ocasións, Filomena Fraga é todo un referente na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Alma mater, xunto con Maximino Viaño, do espazo “ Memoria de Ames” de Ames Radio, Filomena foi unha das protagonistas do premiadísimo documental “Señora de” de Patricia Ferreira. No ano 2018, o Concello de Ames homenaxeouna polo día da Muller coa realización dun vídeo sobre a súa vida e a súa obra. No 2019, concedéuselle a Medalla do Concello.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea una ruta urbana con monolitos de mujeres relevantes"

El Correo Gallego: "Ames honra ás mulleres co roteiro circular 8-M"

Presentación Roteiro 8M

Multimedia

  • Luísa Feijó no roteiro 8M
  • Monólito dedicado a Rosalía de Castro
  • Monólito no Pazo da Peregrina
  • Mapa indicativo da ruta
  • Monólito No Pazo da Peregrina
  • Monólito e mapa de ruta
  • Cartel da ruta circular urbana 8M
  • Embedded thumbnail for