[15-09-2011] O Concello de Ames, baixo a iniciativa da Concellaría de Deportes, ten preparada, por sexto ano consecutivo, unha ampla oferta de actividades para a celebración do Día do Deporte. O sábado 24 de setembro, dende as 16:00 h. ás 20:00 horas, todos e todas as amienses de todas as idades poderán gozar de varias actividades deportivas axeitadas a todos os gustos. Todas as persoas que participen en cinco actividades, recibirán un agasallo. Así que xa o sabes, se che gusta practicar deporte non podes faltar á cita na área deportiva do Milladoiro, onde haberá actividades como inchables deportivos, tenis de mesa, floorball, xincanas ciclistas, piragüismo e moitas máis.
O deporte é necesario. É unha actividade lúdica e mental que mellora a calidade de vida de quen o practica. Ademais, non só é beneficioso para pór en forma o corpo senón tamén para prever enfermidades como as coronarias, e incrementar a autoestima e o optimismo. Todas as persoas interesadas en realizar un deporte pero que aínda non saben por que disciplina decantarse, teñen a ocasión ideal de escoller unha actividade nesta sexta edición do Día do Deporte.
Tenis de mesa, ultimate, voleibol, fútbol, bádminton, inchables deportivos, inchables de obstáculos, xincanas ciclistas, floorball, piragüismo, baloncesto, tenis e ata unha zona onde poder avaliar a túa condición física son as actividades que propón a Concellaría de Deportes. Con esta oferta, todas as persoas afeccionadas ou interesadas no deporte atoparán neste VI Día do Deporte a disciplina que máis se axuste as súas necesidades, gustos ou posibilidades físicas.
Todos e todas as interesadas en participar neste evento deportivo poderán realizar a inscrición o mesmo sábado 24 de setembro pola tarde. Cada participante recibirá unha especie de pasaporte deportivo onde se sinalarán as actividades que vai realizando ao longo da xornada. Por cada actividade na que se participe, os e as asistentes recibirán un selo no cadro correspondente. Unha vez que se consigan cinco selos, o participante recibirá un agasallo que poderá recoller na oficina da organización.
A sexta edición do Día do Deporte reunirá as actividades propostas na área deportiva de Milladoiro. Todas as actividades comezarán ás 16:00 horas e prolongaranse ata as 20:00 horas da tarde. O tenis de mesa, o tenis, o bádminton, o voleibol o fútbol ou o piragüismo son algúns dos deportes que se poderán practicar nesta sexta edición do Día do Deporte.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames prepara para el 24 un Día do Deporte con numerosas actividades"
El Correo Gallego: "Oferta lúdica para Ames con el sexto Día do Deporte"




