Pestanas principais

Ames celebra a Semana do Libro cunha intensa programación literaria

Luns, 22 de abril de 2019

Este luns, 22 de abril, comeza nas bibliotecas municipais a celebración da Semana do Libro cunha chea de actividades que culminarán o sábado 27 coa celebración, como vén sendo habitual nos últimos anos, da iniciativa Literatura na Praza. Ao longo desta semana as bibliotecas municipais acollerán actividades para todos os públicos: representacións teatrais, presentacións de libros, obradoiros, contacontos... Ademais durante toda a semana todos usuarios da biblioteca que queiran teñen unha cita a cega cun libro. Nas mesmas condicións de préstamos que as habituais os/as usuarios/as, tanto adultos coma nenos/as, poden levar para a casa libros sorpresa. Expostos nas bibliotecas atoparán libros empaquetados cunha sinxela suxestión para animarse a levalos en préstamos sen saber o que levan.

Ames celebra o Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril, cunha Semana do Libro cargada de actividades destinadas a levar a literatura a todos os recunchos do municipio amesá. Así, a Concellaría de Cultura organiza entre o 22 e o 27 de abril unha intensa programación composta por sesións de contacontos, obradoiros, representacións e presentacións de libros. Dita programación comeza este luns, 22 de abril, ás 17.30 horas, nas bibliotecas municipais. Deste xeito, a biblioteca de Bertamiráns acollerá o contacontos O lobo con botas da asociación Biosbardos, mentres que na biblioteca do Milladoiro realizarase unha representación de A fada pirata de Carlos Labraña. Ademais, no local social de Augapesada, a partir das 18:00h, haberá unha sesión de contacontos centrada na obra Maruxa.

O martes, 23 de abril, estará marcado polo contacontos Maruxa, que chegará ao local social de Bugallido ás 18.00h, e o obradoiro creativo Minicontos: grandes historias en formato pequeno, que se desenvolverá na biblioteca do Milladoiro a partir das 17.00, para o que se require inscrición previa. A estas actividades seguiraas a sesión de contacontos nas bibliotecas 1, 2, 3... empeza o contiño xa, que se realizará en Bertamiráns o mércores 24 e no Milladoiro ao día seguinte. Ambas sesións darán comezo ás 17.30h. O venres, por outra banda, os cativos/as do Milladoiro e arredores poderán participar no obradoiro Minicontos: grandes historias en formato pequeno a partir das 17.00 horas.

Literatura na praza
O acto central da Semana do Libro de Ames celebrarase o sábado na praza do Concello de Bertamiráns, entre as 17.00h e as 20.30 horas. Ao longo da tarde, haberá exposición e venda de libros da man de Follas Novas e Brazolinda. Así mesmo, tamén haberá un Recuncho da lectura, onde se poderá ver unha mostra bibliográfica do día do libro e das letras; e un obradoiro de flores.

Ás 17.30 horas terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello a presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XV Certame Literario Concello de Ames. A esa mesma hora, tamén se desenvolverá o contacontos teatralizado O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa a cargo do Teatro Calavera.

De seguido, ás 18.00 horas, o salón de plenos acollerá unha mesa redonda sobre Literatura actual e autores locais, na que intervirán María López Sández, Victor Freixanes e Carlos Negro. Por último, ás 19.00 horas, esta edición de Literatura na praza rematará coa actuación de Paco Nogueiras Brinca Vai! De aquí a acolá.

Iniciativas que buscan achegar a literatura a todos e todas
Asemade, durante esta Semana do Libro levarase a cabo a tradicional solta de libros nas dependencias do concello, nas bibliotecas e nos centros de saúde. A través desta iniciativa, os e as amesás poderán encontrar libros en distintos emprazamentos, que lles axudarán a facer a espera máis entretida. As persoas que teñan a sorte de atoparse con algún destes exemplares poderán quedar con eles.

Ademais durante toda a semana todos usuarios da biblioteca que queiran teñen unha cita a cega cun libro. Nas mesmas condicións de préstamos que as habituais os/as usuarios/as, tanto adultos coma nenos/as, poden levar para a casa libros sorpresa. Expostos nas bibliotecas atoparán libros empaquetados cunha sinxela suxestión para animarse a levalos en préstamos sen saber o que levan.

As portadas dos libros convértense en viñetas, debuxos, poesías... que animan aos usuarios a ter unha cita a cegas. As cores do papel no que están empaquetados indican as idades recomendadas para cada libro: vermello (6 a 8 anos); verde (9 a 12 anos); azul (máis de 12 anos); e marrón (adultos).

Ames celebra a Semana do Libro cunha intensa programación literaria

Multimedia

  • Ames celebra a Semana do Libro cunha intensa programación literaria
  • Ames celebra a Semana do Libro cunha intensa programación literaria
  • Ames celebra a Semana do Libro cunha intensa programación literaria