Pestanas principais

Ames celebra o vindeiro xoves as VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero

Venres, 16 de novembro de 2018

[16-11-2018] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza o vindeiro xoves, 22 de novembro, a oitava edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. A iniciativa, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ao longo de todo o día, estará formada por dúas conferencias, dúas mesas de debate e seis obradoiros. Para participar nestas actividades, é necesario inscribirse a través da web www.acercateaigualdade.com/inscricion/.


Coincidindo coa campaña Ames en Negro, e con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a Concellaría de Igualdade organiza a oitava edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. O evento, que se realizará o xoves 22 na Casa da Cultura do Milladoiro, englobará varias conferencias, mesas de debate e obradoiros.

As VIII Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero comezarán ás 9.00h co acto de inauguración institucional, no que se lle dará a benvida aos e ás asistentes. De seguido, realizarase unha mesa de debate sobre o consentimento, o acceso ao corpo das mulleres e os desequilibrios de poder, na que intervirán a feminista Lola Ferreiro, doutora en medicina e profesora do postgrao de Xénero Uvigo, Sandra Garrido, activista e avogada feminista especializada na defensa dos dereitos fundamentais, e Tatiana Conde Gómez, educadora do Programa Vagalume especializada en educación, xénero, igualdade e cooperación internacional.

A continuación, entre as 10.30 e as 11.45h, terá lugar a conferencia A desigualdade aprendida: causas, consecuencias e estratexias, impartida por Amparo Tomé, socióloga e investigadora especialista en socioloxía de xénero e educación. De seguido, haberá un pequeno descanso de trinta minutos, tralo que comezará unha segunda mesa de debate sobre actualidade e retos do feminismo, que se estenderá das 12.15 ás 13.15 horas. Nesta actividade participarán Maika Beltrán, responsable de Intermón Oxfam Galicia, Isabel Quintairos, integrante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Antía Yáñez, escritora e gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2018 coa súa obra “Senlleiras”.

A partir das 13.15h realizarase unha conferencia titulada Da loca do ex á loca do ático cando as nosas emocións desgustan ao patriarcado, que será ofrecida pola xornalista, redactora de BuzzFeed España e coordinadora da sección feminista dese mesmo medio, Beatriz Serrano Molina. Despois da rolda de preguntas, que terá unha duración aproximada de dez minutos, realizarase o acto de peche institucional e, de 14.30 a 16.00, o descanso para a comida.

Obradoiros programados para a tarde
Pola tarde, o público asistente poderá escoller dous dos seis obradoiros programados. Na primeira parte, que terá lugar entre as 16.00h e as 17:15h, terán que elixir entre a opción A “Habilidades emocionais: pequenas accións, grandes cambios”, de Sara Vierna, diplomada en Educación Social, experta en Igualdade e posgraduada no Máster en Xénero e Politas de Igualdade; a opción B “Mindfullnes: Regulación do estrés e a ansiedade”, de Mita Adriana Beutel, musicoterapeuta, terapeuta corporal, experta en expresión artística e danza en España e profesora acreditada en Explorando a Quietude; e a opción C “Ferramentas para a coeducación” de Mª Dolores Ruíz Gestoso, axente en Igualdade, licenciada en filoloxía hispánica con Máster en xénero , educación, políticas de igualdade e liderato.

Na segunda parte, que se desenvolverá entre as 17:30h e as 18:45 horas, o público asistente terá que escoller entre a opción A “As redes sociais e o desenvolvemento en adolescentes” de Patricia Gómez Salgado, licenciada en psicoloxía, investigadora predoutoral da USC e membro da unidade de Psicoloxía do consumidor e usuario, ademais de autora de diferentes artigos sobre o uso problemático de Internet e das Novas tecnoloxía entre os/as adolescentes. A opción B “Como mellorar a nosa comunicación: a fiestra de Johari” impartida por Eva García García, coach experta en Educación Emocional e comunicación; e a opción C “Corporalidade e benestar” ofrecido por Paula Paz, diplomada en traballo social, coach experta en xénero e desenvolvemento.

As xornadas pecharanse cunha actuación artística, que correrá a cargo da Compañía de danza Kintsugi.

Esta iniciativa está aberta a todo o público interesado, dende profesionais da área ata público en xeral, pasando por educadores/as e docentes, psicólogos/as, orientadores, profesionais das administración públicas e pais e nais. Porén, como as prazas son limitadas, recoméndase inscribirse na páxina web www.acercateaigualdade.com, a través do formulario de inscrición.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames acollerá as VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero"
Lindeiros: "VIII Xornadas Acércate de igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames"
El Correo Gallego: "Milladoiro acogerá charlas y talleres de igualdad el 22 "