[11-10-2018] Esta mañá presentouse no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o XIII Festival de Maxia de Ames, que se desenvolverá do 22 ao 28 de outubro con un programa cheo de espectáculos, obradoiros e galas máxicas. Este festival, que se celebrará nos centros de ensino e nas casas da cultura de Ames, está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Para participar nos obradoiros de maxia, dirixidos a nenos de entre 8 e 14 anos, será necesario inscribirse entre o 22 e o 26 a través do teléfono 981 535 940.
Obradoiros de maxia
Outra das actividades que repiten este ano serán os obradoiros de maxia, dirixidos a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Así, o sábado 27, o mago Roberto Lolo impartirá un taller na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 11.00 a 12.30. O domingo, en cambio, o obradoiro impartirase no mesmo horario na Casa da Cultura do Milladoiro, e correrá a cargo de Pedro Bugarín.
Para estes talleres, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, ofértanse un total de 50 prazas (25 por día). Para participar é necesario inscribirse chamando ao número de teléfono 981 535 940, dende o día 22 ata o 26 de outubro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
“A volta a Galicia en 313 concellos”
Pola súa banda, o Mago Antón tamén participará o sábado neste festival co seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos”, que representará en Ames o sábado. Pola mañá, realizará tres sesións na Praza de Chavián de Bertamiráns (ás 11.00, ás 12.00 e ás 13.00 horas), mentres que pola tarde actuará no aparcadoiro de Travesía do Porto, no Milladoiro, ás 18.00, ás 19.00 e, por último, ás 20.00 horas.
O aforo máximo será de 70 persoas por sesión, polo que para acudir é necesario recoller os convites nas casas da cultura entre o luns 22 e o venres 26 de outubro, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
Gala Internacional de Maxia
A principal actividade do XIII Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional, da que se realizarán tres pases. Esta gala, presentada por Dani Polo, contará coa participación da maga Gisell e os magos Edgard, Darío Proximity, David Díaz e Samuel Pons.
Así, o sábado, celebraranse dúas funcións da gala na Casa da Cultura de Bertamiráns, a primeira ás 18.30h e a segunda ás 20.30 horas, mentres que o domingo realizarase unha función na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.30 horas.
As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como aos espectáculos de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal ou, de maneira presencial, nas casas da cultura. A entrada ten un custo de 2 euros para maiores de 18 anos e a metade para menores. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal
Despois do éxito acadado nas pasadas edicións, chega a Ames o XIII Festival de Maxia de Ames, que hoxe foi presentado na Casa da Cultura do Milladoiro. Ao acto asistiron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o representante de Abarajar Producciones, Javier Polo, e o director artístico e presentador do festival, Daniel Polo. Durante a cerimonia, presentouse a programación do festival, que estará cargado de actividades.
Así, o concelleiro de Educación e Cultura quixo incidir na consolidación que, ano tras ano, está a experimentar este festival debido ao caloroso acollemento do público. Asemade, quixo facer un chamamento a outros concellos para que se animen a “apostar por esta disciplina artística que, pola súa espectacularidade, pode aportar moito tanto a adultos como ás crianzas”. Dende o Concello estímase que este ano poida incrementarse a participación con respecto a anos anteriores, debido á expectación que nos últimos meses está a despertar o evento entre a poboación.
O presentador da gala, pola súa banda, quixo incidir no matiz internacional do evento, no que participarán profesionais procedentes de distintos puntos do globo e recoñecidos tanto a nivel nacional como internacional, como son a Maga Gisell, o Mago Edgard, Samuel Pons ou David Díaz, entre outros.
Así, do luns 22 de outubro ao venres 26, os centros de ensino de Ames acollerán distintos espectáculos unipersoais de pequeno formato, a cargo dos magos Roberto Lolo e Pedro Bugarín, durante os que as nenas e nenos poderán gozar de actuacións cargadas de maxia e sorpresas. Ambos artistas repiten tras a súa participación na anterior edición.
O mesmo venres, ás 18.30 horas, o prestixioso mago Luigi Ludus estará na Casa da Cultura de Bertamiráns co seu espectáculo de maxia infantil “Cantando baixo a maxia”, dirixido a nenos/as de ata 12 anos.
Contido relacionado
Lindeiros: "Ames celebra o XIII Festival de Maxia do 22 ao 28 de outubro"
La Voz de Galicia: "Una semana de magia en Ames"
Compostela 24 horas: "O Festival de Maxia de Ames chegará o 22 de outubro"