Pestanas principais

Ames celebra o próximo xoves, 21 de novembro, as IX Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero

Martes, 12 de novembro de 2019

A Concellería de Benestar Social organiza para o próximo xoves, 21 de novembro, a novena edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. A iniciativa, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, desenvolverase en dúas xornadas centradas na coeducación e no feminismo como movemento para abordar os desequilibrios de poder. Para participar nestas actividades, é necesario inscribirse a través desta páxina web . Ademais, vaise a realizar un obradoiro de bo trato dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos IES de Milladoiro e Bertamiráns e vaise a desenvolver a campaña “Súmate á Igualdade, súmate á solución”, que estará vixente durante todo o ano.

Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a  Concellaría de Benestar Social organiza a novena edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero. O evento, que se realizará o xoves 21 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro, englobará máis de 15 intervencións, que reflexionarán sobre a  visibilidade da muller na vida pública, a transmisión de valores e a importancia de desaprender para aprender, de deconstruír para volver a construír.

As xornadas comezarán pola mañá, ás 9.00 horas, co acto de inauguración institucional. A xornada de mañá estará adicada a profesionais e estudantes. Ás 9.20 horas terá lugar a primeira conferencia “O reto educativo de previr violencia de xénero dende as primeiras idades” da man da psicopedagoga e feminista, Luz Martínez Ten. Seguiralle unha mesa redonda sobre “A corresponsabilidade en materia laboral a debate” na que participarán a doutora en socioloxía, Belén Fernández, e as especialistas en dereito; María Ánxeles García e Consuelo Ferreiro.

Despois dunha pausa para o café, ás 12.00 horas terá lugar outra mesa redonda: “Visibilidade e acceso da muller á vida pública”. Formarán parte dela Cristina López, doutora en Ciencias da actividade física e do deporte; Clara R. Cordeiro, licenciada en Historia da Arte e Ana Sanmartín, xornalista e membro de Xornalistas Galegas. Xa as 13.10 horas terá lugar a conferencia “Desaparecer para aprender” da man de Noemí Casquet, xornalista e divulgadora especializada en sexoloxía.

Obradoiros programados
Pola tarde, o público asistente poderá escoller dous dos seis obradoiros programados. Esta parte da xornada estará dirixida a un público máis xeral. Na primeira parte, que terá lugar entre as 16.00 e as 17.15 horas, terán que elixir entre a opción A co obradoiro “¿Como xestionar a nosa ansiedade? Conecta coa túa serenidade”, impartido por Manuel Darriba; a opción B: “Nutrición e emoción. Como se alimenta o noso cerebro?”, de Belén Ventín, ou a opción C: “O medo como aliado do equilibrio emocional”, de Libertad Culebras.

Na segunda parte, que se desenvolverá entre as 17:30h e as 18:45 horas, o público asistente terá que escoller entre a opción A: “Comunicación eficaz para o empoderamento e a toma de decisións”, de Marian Cabelas, a opción B: “A importancia de educar en Igualdade”, impartido por Jéssica Ríos, ou a opción C: “Es suficiente. A importancia do autocoñecemento e autocoidado” de Alba Nogaredo.

Esta iniciativa está aberta a todo o público interesado, dende profesionais da área ata público en xeral, pasando por educadores/as e docentes, psicólogos/as, orientadores, profesionais das administración públicas e pais e nais. Porén, como as prazas son limitadas, recoméndase inscribirse nesta páxina web  a través do formulario de inscrición.

Outras campañas e obradoiros
Ademais, dende a Concellaría de Benestar Social vaise a realizar un obradoiro de bo trato dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos IES de Milladoiro e Bertamiráns. Tamén se vai a desenvolver a campaña “Súmate á Igualdade, súmate á solución”, que estará vixente durante todo o ano. Trátase de concienciar a toda a poboación da lacra social que constitúe a violencia de xénero e de que está na nosa man acabar con ela, co noso compromiso, o compromiso de toda a poboación.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames celebra as IX Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero"

Cartel Xornada Acércate