[24-11-2014] O Concello de Ames iniciou este mediodía unha campaña con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Trátase dun acto de sensibilización e repulsa desta problemática declarada como tal dende o 25 de novembro do ano 1999 por Nacións Unidas. Esta acción de participación social dirixida especialmente á mocidade amesá ten como lema “Ames sen Violencia” e desenvólvese hoxe e mañá en Bertamiráns e Milladoiro.O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira da Muller, Eugenia Martín, presentaron na praza do Concello a campaña con medio cento de escolares do colexio Agro do Muíño.
O Concello de Ames iniciou este mediodía unha campaña con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Trátase dun acto de sensibilización e repulsa desta problemática declarada como tal dende o 25 de novembro do ano 1999 por Nacións Unidas. Esta acción de participación social dirixida especialmente á mocidade amesá ten como lema “Ames sen Violencia” e desenvólvese hoxe e mañá en Bertamiráns e Milladoiro. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira da Muller, Eugenia Martín, presentaron na praza do Concello a campaña con medio cento de escolares do colexio Agro do Muíño.
A campaña consiste en construír un panel cheo de fotografías coa xente que voluntariamente desexe participar. O set fotográfico está hoxe pola tarde no Mercadona de Bertamiráns de 16:00 a 17:30 horas, e mañá martes no Mercadona do Milladoiro de 11:00 a 13:30 horas, no IES do Milladoiro de 14:00 a 15:00 horas e no Opencor de 16:00 a 17:30 horas. As fotografías realizadas serán colocados en lugares públicos como centros escolares, bibliotecas ou asociacións. Tamén se publicarán nas redes sociais acompañadas do hashtag #Amessenviolencia.
O alcalde Amor convidou a participar neste acto de mentalización cara a mellorar os estándares de igualdade e solidariedade. “Este Concello é moi sensible coas causas sociais e, especificamente, coas agresións de todo tipo que sofren as mulleres. Desde hai ano e medio contamos cun centro de información á muller, onde se aborda coas persoas que acoden a el casos de moi diversa índole e gravidade, prestando con dilixencia asistencias e coberturas”, -segundo declarou.
Pola súa parte, a concelleira Martín lembrou que “milleiros de mulleres en todo o mundo sofren a diario a vulneración dos seus dereitos a causa da violencia de xénero”. Martín sinalou que é labor das Administracións e de toda a sociedade “plantar cara á violencia con máis concienciación, con máis simetría e cun maior grao e calidade do compromiso coa igualdade”. Instou a “mellorar a resposta institucional e avaliar novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz este problema”, e animou á “corresponsabilidade de cada un de nós, do conxunto da veciñanza de Ames” como factor decisivo na construción dun municipio máis equitativo e solidario.