[23-07-2011] Ames celebrou o Día de Galicia cun acto institucional no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Neste acto os discursos dos portavoces dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal, PP, PSOE e BNG, matizaron posturas ben diferentes para solucionar problemas actuais como a grave crise económica. O Bloque Nacionalista Galego manifestou as súa clara aposta pola necesidade dun novo Estatuto de Nación, a voceira nacionalista, Pilar Candocia, afirmou tamén que “a crise tena que pagar a banca, non a cidadanía” e que “o diñeiro non desapareceu, cambiou de mans ou está nas mesmas pero non lles chega a rendibilidade”. O Partido Socialista centrou o seu discurso en lamentar cifras como as do paro e o turismo, e criticou tamén xestión da crise en Galicia. O Partido Popular, cun discurso menos político e máis institucional, apelou ó respeto e á comprensión en canto ó sentimento de galeguidade de cada persoa. “Que la hoguera del espíritu siga calentando vuestras vidas y que la hoguera del fuego nunca deje de calentar vuestros cuerpos”, é a cita que elixiu o portavoz popular, Ramón G. Argibay, para comezar o seu discurso lembrando a Castelao.
O alcalde amiense, Santiago Amor falou nesta conmemoración do Día de Galicia da necesidade de afianzar e dar a coñecer o territorio, a lingua e a cultura galegas. Amor dixo que dende o concello "queremos deseñar un modelo de desenvolvemento armónico e sostible" e referiuse tamén á lingua galega lembrando que Ames ven de unirse á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta. O rexedor dixo que estes eran días para saír da casa, pasear e gozar das nosas paisaxes e mesmo da lectura dos nosos escritores, tanto dos clásicos como dos contemporáneos que "afortunadamente cada vez hai máis". Amor, rematou o seu discurso lembrando uns versos de Rosalía de Castro.
A nota musical a este acto no que se conmemorou o Día de Galicia aportoulla o grupo de pandereteiras amiense "Maianas" que actuaron en tres ocasións rematando coa interpretación do hinmo galego.