Pestanas principais

Ames celebra o Día das Letras Galegas cun acto no Milladoiro no que se entregaron os premios dos seus certames literarios

Sábado, 14 de maio de 2016

[14-05-2016] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este venres pola tarde a celebración do Día das Letras Galegas. O acto comezou cun concerto do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. De seguido, o alcalde de Ames e maila concelleira de Normalización Lingüística destacaron o traballo do Concello en prol da lingua e cultura galega. Trala intervención das autoridades realizouse a entrega de premios do VIII Certame artístico-literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesá, e do XIII Certame Literario de narrativa e poesía. Tamén houbo tempo para ler poemas de Manuel María. O acto pechouse cun concerto do coro Son Elas.


VIII Certame artístico-literario
Na primeira categoría deste certame participaron os nenos de 3º e 4º de primaria. O primeiro premio foi para o texto O himno pola diversidade, escrito por Iago Blanco e Damián Del Río, alumnos de 4º do CEP de Ventín. Na segunda posición quedou Noa de Blas Sánchez (alumna de 3º do CEIP Agro do Muíño) coa obra Estrela Lois e os cincentos, mentres que a terceira posición foi para o texto Os galegos invadimos o mundo co noso sabor e a nosa lingua, de Sofía Chang e Andrea García, alumnas tamén de 4º do CEP de Ventín.

Na segunda categoría participaron escolares de 5º e 6º de primaria e as obras gañadoras foron O mundo en gris, de Sara Morán Alonso (5º do CEIP Agro do Muíño); A forza da nosa lingua, de Sabela Souto González (5º do CEIP Agro do Muíño) e en terceiro lugar As diferenzas que nos unen, de Natalia Paz Peláez (5º do CEIP A Maía).

Trala entrega de premios varios dos rapaces e rapazas premiados no certame Intercentros. os concelleiros e concelleiras da corporación municipal, e algunha persoa do público leron poemas de Manuel María. O acto pechouse cun concerto do coro Son Elas.

XIII Certame Literario de narrativa e poesía
Este ano o certame literario Concello de Ames reuniu un total de 152 traballos procedentes de toda Galicia. Na modalidade de poesía houbo 74 traballos mentres que en narrativa presentáronse 78. O xurado, que estivo composto polos escritores Manuel Núñez Singala e María López Sández, e mailo crítico literario Armando Requeixo Cuba, coincidiu en destacar a alta calidade dos traballos presentados.

De todos os participantes foron catro os veciños e veciñas de Ames galardoados este ano. Xosé Anxo Corral Suárez fíxose co primeiro premio no apartado de narrativa para adultos (de 18 anos en diante) polo texto Zona de sombras. Sofía Álvarez Castro acadou o segundo posto na primeira categoría de narrativa (ata os 13 anos) coa obra Memorias da señora Cupcake.

Ademais, Marcos Maira Castro obtivo tamén o segundo posta na segunda categoría de narrativa (dos 14 aos 17 anos) co traballo A xustiza pola man. Deste xeito, houbo un gañador de Ames en cada categoría da modalidade de narrativa. Por outro lado, Heriberto José Villar Patiño levou o primeiro premio de poesía da terceira categoría (adultos de máis de 18 anos) coa obra A pel arrincada dos soños.

Un ano máis o Concello de Ames organizou un acto no que se mesturou música e cultura para festexar as Letras Galegas. A gala, que estivo presentada pola técnico municipal de Normalización Lingüística, comezou cunha actuación do alumnado da EMMA que interpretaron o tema Negra Sombra.

A continuación, interviñeron o alcalde de Ames e a concelleira de Normalización Lingüística. Isabel Vaquero defendeu o uso do galego e recordou as palabras de Manuel María que dicía “se perdemos a fala non seremos ninguén”. “Efectivamente se perdemos as linguas, a nosa lingua, non somos ninguén diferente e con personalidade propia, seremos miles de millóns de persoas sen ningún tipo de diversidade. Por iso o galego é algo máis que unha lingua inocua na que facer literatura ou na que cantar,  algo máis que esa lingua na que de vez en cando lemos un  poema”, explicou Vaquero que rematou lendo o poema A Fala.

Por outra banda, Miñones, lembrou que o Concello de Ames preparou un amplo programa de actividades para celebrar as Letras Galegas como esta gala, a actividade Sementando poemas ou a instalación dun photocall na prazas de Manuel Murguía, no Milladoiro, para facerse fotos. O rexedor municipal dixo que “hai que involucrar á xuventude na defensa do galego e unha mostra diso é a participación no certame literario de narrativa e poesía ao que se presentaron máis de 150 traballos. A través dos certames literarios municipais vamos creando canteira e algúns autores e autoras van madurando da nosa man”. Miñones acabou recitando o poema de Manuel María, Bando.

Trala intervención das autoridades realizouse a entrega de premios do VIII certame artístico-literario Intercentros, dirixido ao alumnado amesá, e do XIII certame literario de narrativa e poesía. Os premios do certame Intercentros foron entregados polo rexedor municipal e pola concelleira de Normalización Lingüística, mentres que na entrega dos premios do certame literario de narrativa e poesía participaron varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal e mailo presidente de Feiraco, José Montes.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames apostou por galardoar á cultura polo Día das Letras"
La Voz de Galicia: "Premios literarios en Ames"