[08-01-2015] O Concello de Ames colabora co Parque Empresarial do Milladoiro na organización da gala de entrega de Premios do Primeiro Certame de Fotografía Comercial. O evento, aberto ao público, celebrarase mañá venres, ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
No pasado mes de outubro, a Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro puxo en marcha un concurso de fotografías para darlle visibilidade ás empresas instaladas no polígono amesán e atraer novos negocios a este núcleo. Salomé Blanco, unha das integrantes deste colectivo, explica que a intención do certame é “achegarse á visión da empresa actual por medio da fotografía e ofrecer unha maior difusión comercial aos nosos negocios locais”. Na actualidade, preto de 190 firmas forman parte deste parque empresarial.
Un dos requisitos do concurso era que as fotografías debían rexistrar as instalacións do polígono, os produtos que se comercializan no mesmo ou as distintas fases do proceso produtivo. En total presentáronse 61 imaxes que están expostas na segunda planta da Casa da Cultura do Milladoiro. Malia ser a primeira edición, o nivel de participación foi, segundo Blanco, moi elevado e agardan que o concurso se estableza como un referente en toda a comarca.
Na gala, entregaranse tres primeiros premios de 300, 200 e 100 euros e outros tres de 50 euros. Ademais, haberá música en directo dun cuarteto de corda dirixido por Mijail Moriatov e a actuación do monologuista Celso Fernández Sanmartín.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "La patronal del polígono de Milladoiro premia las mejores fotos comerciales"




