[15-05-2017] O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o martes 16 de maio. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e mais o grupo de pandereteiras As Maianas. Ademais, entregaranse os premios do XIV Certame Literario de narrativa e poesía e do IX Certame Artístico-Literario Intercentros. Este ano como novidade os rapaces e rapazas gañadores/as do certame intercentros lerán os seus traballos nos que escribiron un final diferente do conto A Galiña Azul de Carlos Casares.
A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este martes, 16 de maio, o acto central co que o Concello de Ames conmemora as Letras Galegas. Este acto comezará coa actuación do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. A continuación procederase a facer entrega dos premios do IX Certame Artístico-Literario Intercentros. De seguido, entregaranse os premios do XIV Certame literario de narrativa e poesía. O acto finalizará coa música do grupo amesán de pandereteiras As Maianas.
Este ano como novidade os rapaces e rapazas gañadores/as do Certame intercentros lerán os seus traballos nos que escribiron un final diferente do conto A Galiña Azul de Carlos Casares. Deste xeito, Noa de Blas, Candela Vázquez, Lúa Ardións e Sabela Souto, todas alumnas do CEIP Agro do Muíño, así como Lara Torea, Carlos Sanmartín e Natalia Paz do CEIP A Maía, contarannos o desenlace que eles e elas imaxinaron para A Galiña azul, como homenaxe a Carlos Casares, o autor protagonista este ano do Día das Letras Galegas.
Escaparates con literatura en galego
Por outra banda, este ano o Concello de Ames puxo en marcha unha nova iniciativa con motivo da semana das letras e convidou ás librarías de Bertamiráns e do Milladoiro a encher os escaparates con libros en galego, prestándolle especial atención ás novidades na nosa lingua para todas as idades. Neste iniciativa participan as cinco librarías do concello (Lenda, Boas e Novas, e Mainomen, de Bertamiráns, e Nenos nais e O Tinteiro do Milladoiro). A través desta proposta, que se desenvolverá ao longo desta semana, preténdese difundir o libro en galego e fomentar a súa lectura.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Contos e música en galego para poñer en valor as Letras"
La Voz de Galicia: "A festa das Letras, en mil dedicatorias"