Pestanas principais

Ames celebra as Letras Galegas cun acto literario-musical

Martes, 15 de maio de 2018

[15-05-2018] O Concello de Ames celebrará as Letras Galegas cun acto literario-musical este mércores, 16 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. O acto, que comezará ás 20:00 horas, incluirá as actuacións do grupo Ascuas e do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, así como a entrega de premios do XV Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía e do X Certame Artístico-Literario Intercentros. A entrada será libre ata completar aforo. Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado á escritora María Victoria Moreno.


A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este mércores, 16 de maio, o acto central das actividades organizadas polo Concello de Ames no mes das Letras Galegas. A parte musical da gala estará a cargo do alumnado de canto da Escola Municipal de Música e do grupo amesán de música folk, Ascuas. No transcurso do acto entregaranse os premios dos dous certames literarios que convoca o concello, o X Certame Artístico-Literario Intercentros e o XV Certame Literario Concello de Ames.

O certame Intercentros desenvólvese en colaboración cos centros de ensino de primaria e a través del, nesta edición, o alumnado amesán contou, en prosa ou en verso, como é, como imaxinan ou como queren que sexa a súa relación coa lingua galega, partindo das decalacións de María Victoria Moreno nas que afirmaba que a súa relación con Galicia e a súa opción pola nosa lingua era unha historia de amor.

Na entrega de premios da décimo quinta edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía poderemos coñecer aos 18 autores e autoras gañadores deste ano procedentes de toda Galicia, que se achegaran ao Milladorio para recoller o seu premio. Os traballos premiados foron escolmados polo crítico literario Armando Requeixo, a escritora María López Sande e polo comunicador audiovisual Danile Vilaverde, todos eles veciños de Ames. A alta participación neste certame, con 166 traballos recibidos, é un síntoma claro da vitalidade das nosas letras e da fortaleza que presenta a creatividade en lingua galega.

Neste 2018, o Día das Letras Galegas está dedicado á autora María Victoria Moreno. Extremeña de nacemento e galega de adopción, María Victoria Moreno chegou a Galicia para exercer como mestra en Lugo. Namorada da lingua e da cultura galega defendeuna e usouna en condicións non sempre doadas, e creou arredor delas unha ampla obra literaria en galego, tanto narrativa como poética, ensaística e didáctica. Entre os seus libros, principalmente dirixidos ao público infantil e xuvenil, destacan Mar Adentro e Anagnórise, entre outros. Na gala das letras achegarémonos tamén á obra e á traxectoria vital de María Victoria Moreno a través da visión poética de varias nenas e nenos amesáns.

Con esta gala o Concello de Ames pretende visibilizar a vitalidade e a calidade da creación literaria na nosa lingua e homenaxear, ademais da autora escollida pola Real Academia Galega, a todos os creadores e creadoras, especialmente ás persoas gañadoras nas dúas convocatorias literarias amesáns.

Tendal de Poemas
Tamén nos mes das letras, o alumnado dos centros de ensino de educación infantil e primaria de Ames, coa colaboración da Aula da Natureza e do Servizo de Normalizción Lingüística municipais, tendeu poemas en diferentes puntos do noso concello: no paseo fluvial de Bertamiráns, na Travesía do Porto no Milladoiro e no Monte Escolar de Carballo, en Trasmonte. Os poemas, que foron plasmados e iulstrados tanto en siluetas de pezas de roupa como de paxaros, son todos de escritoras e escritores en lingua galega. Esta exposición artístico-poética ao aire libre poderá visitarse ata o próximo 3 de xuño nos lugares antes indicados.

Contido relacionado


Lindeiros: "Música e literatura combínanse para celebrar o Día das Letras galegas en Ames"
Compostela 24 Horas: "Ames celebra las Letras Galegas con un acto literario-musical"