Pestanas principais

Ames celebra as festas na honra de Santo Tomé o 6 e o 7 de xullo

Mércores, 03 de xullo de 2019

A Asociación de Festas de Ames organiza esta fin de semana dous días de festa cos que celebrar a conmemoración de Santo Tomé, patrón da localidade. A celebración estará marcada polas actuacións musicais, entre elas a da orquestra Combo Dominicano, e o pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Retranqueiros. Os festexos realizaranse no campo da festa de Ames.

As festas de Santo Tomé de Ames comezarán este sábado, 6 de xullo, co tradicional disparo de vinte e unha bombas de palenque ás 09.00 para anunciar as festas patronais. Ás 13.00h terá lugar unha misa solemne na honra de Santo Tomé, trala que se celebrará a sesión vermú, que será amenizada pola orquestra Fin de Siglo. Este mesmo grupo será o encargado de amenizar a verbena nocturna, durante a que estará acompañado pola orquestra La noche de O Grove.

O domingo a festa continuará ás 9.00h co disparo de outras vinte e unha bombas de palenque, seguido dun pasarrúas pola parroquia a cargo do grupo de gaitas Os Retranqueiros. Ás 13.00h desenvolverase unha misa solemne na igrexa da localidade. A continuación, a festa proseguirá coa sesión vermú, na que as persoas asistentes poderán gozar da música da orquestra Unión y Fuerza. Pola noite, a verbena será amenizada polas orquestras Unión y Fuerza e Combo Dominicano.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Ames celebra as festas na honra de Santo Tomé esta fin de semana"

Cartel festas de Santo Tomé de Ames