[23-11-2015] As localidades de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán durante o sábado 28 e o domingo 29 de novembro, respectivamente, un festival de maxia que está dirixido a todos os públicos. As actividades desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas carpas que estarán instaladas na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro. Tamén haberá obradoiros de maxia para os nenos/as de 8 a 14 anos. A reserva de entradas para asistir á Gala Máxica e as inscricións para participar nos obradoiros infantís pódese facer entre o 23 e 27 de novembro a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org
A programación deste ano comezou o venres pasado, na Casa da Cultura do Milladoiro, cunha gala unipersonal a cargo do prestixioso Mago Karim. A celebración desta Gala foi unha das principais novidades que se incluíron nesta edición do festival. A programación continúa dende este luns 23 ata o venres 27 de novembro nos centros de ensino públicos de Ames, onde os alumnos e alumnas destes colexios poderán gozar da actuación de varios ilusionistas.
O fin de semana do 28 e 29 de novembro estará repleto de actuacións e obradoiros de maxia. As actividades comezarán o sábado 28 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e repetiranse o domingo 29 na Casa da Cultura do Milladoiro. Ás 11:00 da mañá, o mago Dani Polo ofrecerá un obradoiro de maxia. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e ofértanse un total de 50 prazas (25 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro). É necesario inscribirse e pódese facer chamando ao número de teléfono 981 53 59 40, dende o día 23 ata o 27 de novembro.
Xa pola tarde, de 16:00 a 18:30 horas, as actividades trasládanse á Carpa Máxica, situada na praza da Maía, en Bertamiráns, e na praza Manuel Murguía, no Milladoiro. Alí os magos Dani García e Noel teñen preparadas actuacións para todos os públicos.
Gala Máxica Internacional
A principal actividade do X Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional. Este ano outra das novidades é que haberá unha función máis da Gala Máxica Internacional sumando un total de tres pases aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Esta gala, que está dirixida ao todos os públicos, estará presentada polo mago Dani Polo e contará coa participación dos magos Pablo Cánovas, Raúl Alegría, Patxi e Sasha.
Esta gala celebrarase o sábado 28 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas funcións, a primeira ás 17:30 e a segunda ás 20:30 horas. Hai un aforo limitado de 216 butacas por función. No Milladoiro será o domingo 29 de novembro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Neste caso tamén existe un aforo limitado de 146 butacas.
A reserva de entradas para asistir á Gala Máxica Internacional pódese facer entre o 23 e 27 de novembro a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas teñen un prezo de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para menores de 18 anos. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función en taquilla 30 minutos antes do comezo do espectáculo. Poderanse reservar como máximo 4 entradas por persoa.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Los amienses disfrutarán de un fin de semana de magia e ilusionismo"




