Pestanas principais

Ames, Carballo, Santiago e Teo presentan o proxecto Enreguéifate

Mércores, 24 de xaneiro de 2018

[24-01-2018] O proxecto busca difundir a improvisación oral en verso e en galego, especialmente entre a mocidade, para contribuír a impulsar o uso da lingua galega. Esta iniciativa naceu no Concello de Santiago no ano 2017, e nesta segunda edición sumáronse novos concellos e o incorporáronse novas actividades. O proxecto, que foi presentado esta mañá en Santiago, estrea páxina web: www.enregueifate.gal.

A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Isabel Vaquero, os seus homólogos dos Concellos de Carballo e Teo, Marcos Trigo e Pilar Faxil, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, foron os responsables de presentar esta mañá, en rolda de prensa, o programa Enreguéifate. Na presentación tamén estivo o músico e profesor Manolo Maseda, un dos seus ideadores e unha das persoas que máis leva traballado na recuperación e socialización da regueifa. Durante a súa intervención, a concelleira de Ames, Isabel Vaquero, incidiu na importancia deste proxecto para a mocidade: “A improvisación oral non é algo alleo á mocidade, afeita a ela a través do rap e do hip hop. Porén, as mozas e mozos atópanse afastados da improvisación oral en galego, descoñecen a nosa tradición oral, nomeadamente, a regueifa. Con este proxecto, as mozas e os mozos descubrirán que o que escoitan habitualmente tamén se pode facer en galego. Con Enreguéifate, a mocidade coñecerá a nosa tradición, aproveitándoa e actualizándoa”.

O proxecto contará con catro áreas de actuación diferenciadas: unha xornada de formación para o profesorado participante que se realizará en Carballo; obradoiros de regueifa para o alumnado dos catro concellos; un certame de regueifa en vídeo aberto a toda Galicia; e unha regueifesta, un encontro-mostra de regueifa que se celebrará no Auditorio de Galicia en Santiago, o vindeiro 2 de maio, e no que participarán escolares de toda Galicia acompañados de bertsolaris de Euskadi e dunha representación de Cataluña.

O alcalde compostelán, Martiño Noriega, destacou que “o obxectivo último desde proxecto é o de promover o uso da lingua galega entre a xente moza, ao sermos conscientes do enorme potencial da regueifa como ferramenta para animar ás rapazas e rapaces a expresárense na nosa lingua”. Martiño Noriega tamén apuntou que “este elemento do patrimonio inmaterial galego está a vivir unha segunda vida da man de persoas como Alba María ou o propio Manolo Maseda, polo que os catro concellos participantes queremos aproveitar esa tendencia”.

Xornadas de formación
O proxecto Enreguéifate inclúe a realización dunha xornada formativa para o profesorado, co obxectivo de fomentar e aproveitar o potencial das regueifas como ferramenta educativa. Esta actividade desenvolverase no Concello de Carballo. Durante a presentación, o concelleiro de Cultura deste concello, Marcos Trigo, explicou que a xornada "pretende contribuír á actualización da nosa tradición e a darlle unha funcionalidade a un elemento do noso patrimonio cultural inmaterial como é a regueifa, actualizándoa cos valores da igualdade e a xustiza social".

A xornada de formación para o profesorado celebrarase o próximo 17 de febreiro e o prazo de inscrición permanecerá aberto desde hoxe ata o día 8 dese mes. O 70 % das prazas estarán reservadas para profesorado en activo, tanto de centros públicos como concertados. A matrícula é gratuíta, e está solicitada  á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que a asistencia sexa homologada como actividade de oito horas de formación permanente do profesorado. Nesta xornada exercerán como relatores regueifeiros como Alba María, Manolo Maseda ou Séchu Sende.

Ademais, o proxecto Enreguéifate inclúe unhas xornadas de formación para o alumnado dos centros de ensino dos catro concellos participantes: Ames, Santiago, Carballo e Teo. Nestes obradoiros, as rapazas e rapaces poderán aprender métodos de improvisación oral e coñecerán tamén a rede de revitalización da regueifa que existe en Galicia entre a xente nova.

Certame Enreguéifate e Regueifesta
Nas próximas semanas será convocada a segunda edición do certame Enreguéifate, seguindo o modelo da primeira edición do ano pasado. A concelleira de Teo, Pilar Faxil, encargouse de dar os primeiros detalles da convocatoria, na que se poderá participar gravando en vídeo regueifas duns tres minutos de duración, que estean integramente en galego. Haberá premios en dúas categorías: escolar e xeral. Os galardóns serán simbólicos e entregaranse no transcurso da Regueifesta.

O festival Regueifesta constituirá un punto de encontro de escolares de todo o país arredor da improvisación oral en verso. Nel tamén participará alumnado procedente de Euskadi que, desde hai varios anos, mantén relación co proxecto Regueifesta para establecer unha ligazón entre a regueifa e o bertso. Ademais, por primeira vez, tamén haberá unha representación de Cataluña. Un dos impulsores do festival, Manolo Maseda, explicou que despois do éxito do festival do ano pasado "cun Auditorio que quedou pequeno, este ano haberá un dobre pase para acoller á maior cantidade posible de rapazas e rapaces chegados de toda Galicia". Maseda defendeu a utilización da regueifa como recurso didáctico "porque o profesorado temos a obriga de ensinar coa emoción e a regueifa é unha das mellores vías para logralo e para promover, tamén, o uso da lingua entre a rapazada".

Toda a información sobre as actividades vinculadas ao proxecto Enreguéifate pódese atopar na nova web www.enregueifate.gal. Nos próximos días chegará toda a información aos centros de ensino e, a través desta páxina, difundiranse tamén as bases da convocatoria do II Certame Enreguéifate. Ademais, na páxina, xa se poden ver os vídeos gañadores da primeira edición de 2017.

Contido relacionado


Lindeiros: "Enreguéifate chega a segunda edición crecendo en actividades e en espazos xa que se suman os concellos de Ames, Carballo e Teo"
La Voz de Galicia: "Carballo convida a «enregueifarse»: o aproveitamento educativo da improvisación oral"
El Correo Gallego: "Santiago busca fomentar la improvisación oral en gallego con «Enreguéifate»"
La Voz de Galicia: "«Enreguéifate» amplía sus actividades a Ames, Carballo y Teo"
El Correo Gallego: "Ames, Carballo, Santiago e Teo presentan o proxecto Enreguéifate"