Pestanas principais

Ames, Brión, Padrón e Santiago crean o evento Rosalías da vida

Martes, 20 de marzo de 2018

[20-03-2018] O Día Mundial de Prevención contra o Cancro Uterino será conmemorado polos Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago na Casa Museo Rosalía de Castro. A iniciativa, que terá lugar o próximo 26 de marzo, incluirá unha visita teatralizada á Casa da Matanza, para a que haberá que reservar praza a través do teléfono 646 59 33 19 ou do enderezo de correo electrónico turismo@padron.gal. A programación tamén comprenderá a celebración dunha mesa redonda, na que participarán diferentes mulleres con historias de superación e que será aberta ao público ata completar aforo. O evento, que se presenta baixo o título “Rosalías da Vida”, encádrase dentro do proxecto conxunto As Pegadas de Rosalía.


Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago organizan un novo evento dentro das liñas de acción do proxecto creado recentemente, a ruta As Pegadas de Rosalía. O evento, denominado “Rosalías da vida”, desenvolverase o vindeiro luns, 26 de marzo, Día Mundial da prevención contra o cancro de útero, na Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.

O evento constará dunha visita teatralizada á propia Casa Museo que, debido á capacidade das salas, se desenvolverá en dous pases: un primeiro ás 18:00 horas e un segundo ás 19:00 h. Para poder participar nestas visitas é necesario realizar a inscrición no teléfono 646593319 ou no enderezo de correo electrónico turismopadron.gal.

Ás 20:00 horas terá lugar unha mesa redonda na que participarán varias mulleres, identificadas como as “Rosalías da vida”, que falarán das súas experiencias e vivencias persoais de superación ante diferentes adversidades que se presentaron nas súas vidas. Esta actividade realizarase no auditorio da propia Casa Museo de Rosalía e estará aberta ao público ata completar aforo.

O obxectivo que se pretende acadar coa organización deste evento é achegar a parte máis humana, persoal e descoñecida da vida de Rosalía de Castro, así como reivindicar a súa vixencia como unha muller forte e loitadora que se revelou contra as inxustizas e dificultades que todo ser humano pasa nalgún momento da súa vida, especialmente no caso das mulleres.

A razón que explica a elección do día 26 de marzo para desenvolver este evento, data na que se conmemora o Día Mundial da prevención do cancro de útero, é que foi precisamente desta enfermidade da que faleceu Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 1885 aos 48 anos de idade.

Ademais deste evento que se celebrará na vindeira semana, o próximo 22 de marzo os alcaldes, concelleiras e concelleiros dos catro concellos reuniranse coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Posteriormente, terá lugar unha rolda de prensa conxunta no Concello de Santiago co fin de presentar aos medios a ruta As Pegadas de Rosalía en Galicia, tras o éxito acadado en Madrid o pasado 19 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Así mesmo, este día tamén se presentarán varios eventos e actividades que se van desenvolver de forma conxunta e anunciarase a integración do Concello de Santiago no proxecto. 

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames, Brión, Padrón e Santiago crean o evento Rosalías da vida"
Lindeiros: " Rosalías da Vida, a poetisa na loita contra o cancro"
Compostela 24 Horas: "Ames, Brión, Padrón y Santiago crean el evento Rosalías da vida"