[16-02-2019] Ames foi un dos primeiros Concellos en Galicia que comezou a utilizar a licitación electrónica, colgando na Plataforma de Contratación do Estado o seu primeiro expediente o pasado 30 de xullo de 2018. Dende finais de xullo ata a data actual tramitáronse un total de 32 licitacións de xeito electrónico (18 expedientes de obras, 5 de subministro, 7 de servizos e 2 privados).
O pasado 9 marzo de 2018 entrou en vigor a nova Lei de Contratos do Sector Público. Esta nova Lei recolle moitos cambios aos que houbo que adaptarse; novos procedementos, requisitos e criterios, que houbo que poñer en práctica desde o departamento municipal de Contratación. Máis un dos piares básicos e principais cambios desta nova norma foi a obrigatoriedade de implantar a Contratación Electrónica, obrigando as distintas Administracións a establecer os medios axeitados para poñer en marcha estes procedementos de licitación electrónica.
Esta circunstancia fixo que moitas das Administracións, incluída a Estatal, se puxeran a traballar na procura de habilitar as Plataformas e os medios necesarios, para poder licitar de xeito electrónico os expedientes, rompéndose durante o segundo semestre de 2018 o ritmo normal de licitacións en todas as administracións, ao ser unha obrigatoriedade e problemática común a todas elas. Houbo que adaptar os pregos á nova Lei e as novas esixencias.
A pesar do atraso que se leva neste senso, pola entrada en vigor da Lei de Contratos do Sector Público no mes de marzo, e cos problemas de funcionamento da Plataforma de Contratación do Estado, Ames foi un dos primeiros Concellos en Galicia que comezou a utilizar a licitación electrónica, colgando na Plataforma de Contratación do Estado o seu primeiro expediente o 30 de xullo de 2018.
32 licitacións electrónicas
Desde entón e ata data actual tramitáronse un total de 32 licitacións electrónicas (18 expedientes de obras, 5 de subministro, 7 de servizos e 2 privados), que comparado con Concellos limítrofes de similar poboación e características móvense en cifras totais moi inferiores de entre 0 e 16 licitacións tramitadas electronicamente, co que podemos afirmar que o Concello de Ames é un dos concellos máis avanzados na implantación da Contratación Electrónica.
Tamén se tramitaron de xeito electrónico un total de 227 contratos menores desde maio de 2018 (122 de servizos, 57 de subministro, 20 obras, 25 privados, 2 administrativos especiais, 1 colaboración sector público-sector privado) que están subidos á Plataforma de Contratación do Estado. O Concello amosa así o seu compromiso coa transparencia facendo públicos desde o primeiro momento todos os contratos e licitacións que se están levando a cabo, así como a capacidade de xestión con preto de 3 millóns de euros licitados na nova plataforma de contratación desde o pasado mes de xullo.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, como responsable do departamento de Contratación, explica que “somos coñecedoras do grande esforzo que fixo e está a facer o persoal do departamento de Contratación, para adaptarse á nova Lei de Contratos e sobre todo ás novas normas de licitación electrónica dos expedientes. Atopámonos con moitos atrancos na Plataforma de Licitación de Contratación do Estado, con moitos erros e problemas que impedían sacar adiante os expedientes. Agora estamos nun momento de tránsito onde a tramitación dos expedientes electrónicos está sendo máis áxil e imos avanzando. Agradecementos de novo ao persoal de Contratación polo seu esforzo na formación e na aplicación da administración electrónica, que fai que Ames sexa un referente no tocante á Implantación da Administración Electrónica nos Expedientes de Contratación”.




