Pestanas principais

Ames avanza en transparencia

Martes, 12 de xaneiro de 2016

[12-01-2016] Dende decembro de 2015 calquera persoa ou entidade interesada pode consultar no Portal da Transparencia, que puxo en marcha o Concello, información relativa á execución dos orzamentos, contratos, ordes do día e actas dos órganos de goberno, entre outros.

O portal obedece ao establecido pola Lei de transparencia, acceso á información pública e de bo goberno, que entrou en vigor o pasado 10 de decembro de 2015. Pero toda esta información tamén se fai pública dende agora, como mostra da aposta pola transparencia que o novo executivo quere implantar no Concello de Ames. Para o alcalde, José Miñones, “o programa de goberno dos grupos municipais apostaba por facer pública toda a información interna, e deste xeito cumprimos co compromiso que adquirido para a investidura como alcalde no pasado mes de xuño”.

A súa creación obedece, fundamentalmente, a dous dos propósitos da Lei de transparencia: facilitar á cidadanía o acceso á información de interese público e incrementar a transparencia da actividade dos organismos administrativos locais e do seus responsables. O goberno de Ames dá conta así dos seus actos, especialmente no referido ao uso do diñeiro público, e permite coñecer mellor o funcionamento interno da institución.

Toda a información, nun click
Ao Portal de Transparencia accédese a través dun banner na páxina web do propio Concello e case toda a documentación está inserida no propio web, logo dun esforzo de sistematización do que xa había e de dixitalización de documentos, levada a cabo polos diversos servizos do Concello. A información preséntase agrupada en tres bloques diferenciados: información institucional, organizativa e de planificación; información de relevancia xurídica e información económica, orzamentaria e estatística.

No primeiro bloque os cidadáns e cidadás poden atopar datos relativos á estrutura organizativa do Concello, tanto a referida aos órganos de goberno -cargos electos, Xunta de Goberno Local e comisións informativas permanentes-, como acerca da actividade dos altos cargos e dos concelleiros e concelleiras. Ademais, ofrécese información sobre o organigrama e os postos de traballo do Concello, un directorio cos teléfonos de interese dos distintos organismos do consistorio ou as convocatorias de emprego público anunciadas.
No segundo bloque ofrécese ordes do día e actas de plenos, comisións informativas e xuntas de goberno locais.

Transparencia na xestión económica
No terceiro bloque publícase información económica de importancia. Deste xeito calquera persoa ou entidade poderá coñecer o estado de execución dos orzamentos de ingresos e gastos, así como toda a documentación relativa ao último orzamento. A información económica tamén abrangue as contas anuais e o informe do pago medio a provedores.
O goberno municipal fai pública tamén toda a información relativa aos contratos realizados polo Concello. Pódese coñecer a través do Perfil do Contratante a información de cada contratación, con importes, prazos e ata acordos da mesa de contratación, así como a relación de contratistas que traballan para a Administración local, ou os contratos menores realizados ao longo do ano 2015. Finalmente, tamén se publica o plan de contratación semestral que proxecta Ames a curto prazo e fanse públicas todas as subvencións e convenios.
Así mesmo pódese coñecer as retribucións correspondentes ao alcalde, concelleiros/as e administrativos de grupo e acceder ás declaracións de bens e actividades dos representantes públicos, tanto do goberno como da oposición.

O traballo continúa e continuará
A información continúa a ser actualizada a día de hoxe, tanto con aqueles documentos que corresponden a anteriores lexislaturas, como cos documentos e os datos que o Concello vaia xerando. A partir do pleno ordinario do mes de xaneiro xa se poderá consultar neste portal a orde do días dos plenos co contido das mocións que sexan presentadas. Porén, a concelleira de Transparencia e Mocidade, Silva Dapena, indica que “o goberno de Ames pretende avanzar aínda máis e converterse nun dos concellos de referencia en canto a transparencia, para o cal ha facilitar procesos internos no Concello que fagan da transparencia un obxectivo transversal, interiorizado e continuo de toda a Administración”. Nesta liña, o alcalde acaba de solicitar a adhesión do Concello de Ames á Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Ciudadana da Federación de Municipios e Provincias (FEMP).

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"El portal de transparencia de Ames incluirá datos previos de los plenos"
El Correo Gallego:"O concello de Ames formalizou 85 contratos menores o pasado ano, por 379.921 euros"