- Tematica
O Concello de Ames vén de presentar o informe sobre os datos estatísticos referentes á subvención para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral, TR331A. Neste documento recóllese que un total de 340 persoas entre o 1 de febreiro de 2025 e o 31 de xaneiro de 2026 foron atendidas, derivadas do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG), de xeito presencial, telefónico ou por correo electrónico. A tipoloxía das entrevistas foi variada, requirindo un tempo de atención diferente en cada caso.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, presentou este informe, onde o número de persoas atendidas está condicionado polo número de itinerarios personalizados de emprego que se desenvolvan. Mentres que o número de entrevistas depende da axenda establecida polo SPEG e da asistencia ou non dos usuarios de servizo.
Os datos que se recollen en dito informe corresponden aos usuarios/as derivados polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e cuxas entrevistas se mecanizan nos seus aplicativos de orientación laboral atendendo aos procedementos establecidos e informes requiridos. Non obstante, aínda que non se dispón de datos cuantitativos, a atención do servizo tamén abrangue as consultas que se atenden telefonicamente, por correo electrónico ou de xeito presencial sen que sexan mecanizadas nos aplicativos de orientación laboral do SPEG.
A tipoloxía das entrevistas é variada requirindo un tempo de atención diferente en cada caso, así como un tipo de informe acorde a estas, segundo o que se establece dende o Servizo de Orientación Laboral da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración).
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, explica que “o número de persoas atendidas está condicionado polo número de itinerarios personalizados de emprego que se desenvolvan. Mentres que o número de entrevistas depende da axenda establecida polo SPEG e da asistencia ou non dos usuarios de servizo”. Ademais, destaca “a importancia deste servizo que se realiza a través da subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral”.
Datos estatísticos de orientación laboral
Durante o ano 2025, rexistráronse un total de 340 persoas atendidas entre o 1 de febreiro e o 31 de xaneiro de 2026. Durante estes servizos, realizáronse dous tipos de entrevista: a A, entrevistas de orientación con atención personalizada e perfís profesionais, cun total de 233; e a B, entrevistas IPE con deseño e seguimento de itinerarios personalizados para o emprego, con 660. En total, 893 entrevistas. Ademais, iniciáronse 243 itinerarios, dos cales 13 correspondían á subvención do curso anterior.
O mes de maior actividade foi outubro, cun total de 94 entrevistas, aínda que seguido de preto por setembro, con 89, xullo, con 88, marzo, con 86, e novembro, con 85. Con respecto a anos anteriores, o número de itinerarios iniciados foi considerablemente superior aos rexistrados dende 2022: 164 no 2022, 183 no 2023 e 109 no 2024.





