Pestanas principais

Ames asina un convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para participar no programa Vacacións en Paz

Martes, 10 de maio de 2016

[10-05-2016] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, asinaron un convenio coa presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, para participar no programa de Vacacións en Paz 2016 que promove esta entidade. A través deste acordo o Concello de Ames sufragará o billete de avión de ida e volta de seis rapaces e rapazas que pasarán os meses de xullo e agosto con familias de acollida amesás. A concelleira de Servizos Sociais destaca que “pasamos de acoller a dous menores en 2015 a recibir este ano a 6 nenos/as”.

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e volverá a sufragar os billetes de avión (ida e volta) de varios nenos/as saharauís para que poidan pasar os meses de verán con familias amesás. O Concello actúa de mediador entre as familias e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames.

Esta colaboración plasmouse hoxe coa sinatura do convenio asinado por parte do alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, a través do cal o Concello de Ames sufragará este ano o billete de avión de seis rapaces e rapazas que pasarán os meses de xullo e agosto en Ames.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “dende o goberno municipal estamos moi satisfeitos porque pasamos de sufragar o billete de avión de 2 menores, que viñeron en 2015, a financiar a viaxe de 6 nenos e nenas que estarán en Ames este verán. A intención deste goberno é seguir nesta liña e de cara aos vindeiros anos queremos manter a colaboración que temos con Sogaps Galicia porque isto permite que varios nenos e nenas do Sáhara poidan convivir con familias do noso municipio”.

Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

A presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, María Teresa Isla, agradeceulle ao Concello de Ames a súa colaboración no Programa Vacacións en Paz. “Teño que dar as grazas ao técnico municipal, Leonardo Pena, pola súa axuda constante, á concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, pola súa implicación, e a toda a corporación municipal polo seu compromiso político”, indicou María Teresa Isla.

Ademais, a presidenta de Sogaps Galicia agradeceulle “ás familias acolledoras o seu apoio, agarimo e traballo en todas as actividades que organizamos”. Tamén tivo unha mención especial para Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, que “con orgullo representa en cada momento á delegación e a asociación e que co seu traballo diario coas familias e as institucións fai que todo sexa máis fácil”.